A viaxe que a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, realizaba na xornada deste 17 de xuño á comarca de Valdeorras concluía cunha reunión co seu sector vitivinícola no que coñecía as súas principais demandas e inquedanzas. Así ás catro e media da tarde Pontón visitaba a sede do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, onde se reunía con membros do pleno deste organismo, entre os que estaba o seu presidente, José Luis García Pando.
Dentro das propostas referidas ao mundo do viño que o BNG vai levar ao Parlamento galego figura un cambio nos criterios de distribución das axudas europeas ao sector, “que favorecen ás grandes extensións pero non ao tipo de viñedos que hai en Valdeorras e, en xeral, en Galicia”, tal e como adiantaba Ana Pontón. Ademais, avoga pola creación dunha “estación fitopatoloxica galega con delegacións nas cinco denominacións de orixe, que permita detectar e evitar problemas nos viñedos sen caer nun exceso de tratamentos, como reclama o sector”.
Nesta visita Pontón tamén se reunía con representantes do Clúster da Pizarra de Galicia, con traballadores deste sector así como con membros da xunta de persoal do Hospital Público de Valdeorras. A portavoz nacional do BNG adiantaba que vai dar “unha ofensiva política no Parlamento en defensa da comarca de Valdeorras e mudar o abandono por compromisos e investimentos” en catro ámbitos clave: comunicacións, sectores produtivos, recuperación ambiental e servizos sanitarios. Neste sentido, avanzou algunhas das iniciativas parlamentarias desa ofensiva en defensa da comarca.
No seu percorrido por Valdeorras, Ana Pontón estivo acompañada polas deputadas galegas pola provincia de Ourense Noa Presas e María Albert, así como polo responsable comarcal do BNG en Valdeorras, Roberto Quiroga.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información:
https://osil.info/ana-ponton-inicia-a-sua-visita-a-valdeorras-reunindose-co-sector-da-lousa/