DeportesÚltima hora

A Andaina de Rairiz de Veiga mesturará deporte, natureza e cultura

O evento deportivo terá lugar o domingo, 28 de maio, e celébrase baixo o lema “O agarimo da natureza”
Julio Domínguez, Josefa Asunción Morgade, Juan Anta, Ana Belén Míguez e Maria del Carmen Prieto.

A terceira edición da andaina do Concello de Rairiz de Veiga celebrarase o vindeiro domingo, 28 de maio, baixo o lema “O agarimo da natureza”, ofrecendo aos participantes dúas posibles rutas: unha longa de 26 quilómetros e unha curta de 11 quilómetros.

A presentación do evento tivo lugar hoxe, 18 de maio, no Pazo Provincial, acto no que participou o deputado provincial de Deportes, Juan Anta; a alcaldesa e a concelleira de Rairiz de Veiga, Josefa Asunción Morgade e María del Carmen Prieto, respectivamente; e os organizadores da andaina, Julio Domínguez e Ana Belén Míguez.

O deputado provincial de Deportes, Juan Anta, dixo que esta inciativa “fomenta a práctica do deporte e pon en valor o entorno natural do municipio de Rairiz de Veiga, sendo unha gran oportunidade para coñecer as súas potencialidades turísticas”. Tamén felicitou ao Concello de Rairiz de Veiga por “organizar este tipo de eventos que, a través do deporte, promocionan a provincia”.

A proba, de dificultade media-baixa, comezará ás 9:00 horas desde A Saínza, aínda que a entrega de dorsais efectuarase media hora antes de comezar. A ruta percorrerá os lugares máis emblemáticos do municipio desde as aldeas elevadas sobre o val da Limia ás veigas asoladas de Ponte Liñares, espazos todos eles, que albergan unha bio-diversidade única.

No camiño, os participantes toparanse con pequenos anacos de historia, coma o campo de A Saínza, onde cada ano se pon en escena o enfrontamento entre mouros e cristiáns. Moi preto de alí perdura dende fai centos de anos a enorme presenza de A Carballa da Rocha, árbore declarada Monumento Natural no 2006, tal e como explicou a alcaldesa de Rairiz de Veiga.

Os interesados en participar poderán anotarse ata o día 25 de maio nas oficinas do Concello de Rairiz de Veiga, no teléfono 988465552, ou a través do correo electrónico amiguez6@yahoo.es. O prezo da inscrición será gratuíto e “ata o momento hai 104 inscritos pero esperamos chegar aos 200 participantes”, asegurou Josefa Asunción Morgade.

 

Artigos relacionados

Back to top button