Neste outono o Concello do Bolo promoverá unha andaina lúdico-cultural que xira arredor da figura e obra do escritor e pintor Yosso e o seu Valbuxán natal. Pretende amosar “a obra e o lugar onde viviu un dos artistas máis destacados de Valdeorras”. Está prevista para o vindeiro 2 de novembro, con saída ás 10h. dende o Museo Yosso, na vila do Bolo.
Así o percorrido, duns 7 quilómetros (incluíndo ida e volta), convida aos participantes a mergullarse na creación de Yosso e tamén na aldea na que naceu e medrou, o seu querido Valbuxán. E no seu decurso tamén estará presente a historia do Bolo.
A actividade é gratuíta, pero ten prazas limitadas e será preciso inscribirse chamando ao servizo de información turística do Bolo.
