ConcellosEleccións municipais 2023Última horaViana do Bolo

Andrés Montesinos (PP) mantense á fronte da alcaldía de Viana do Bolo

 

Non había maiorías absolutas para gobernar e non foi ata a sesión plenaria deste sábado, 17 de xuño, cando se decidía quen ía ser o novo alcalde de Viana do Bolo tras as eleccións do 28M. O pleno comezaba no salón de actos do Concello ás 12h. coas tomas de posesións dos concelleiros da nova Corporación vianesa: 5 do PP, 3 do PSdeG-PSOE e 3 do BNG.

 

 

Cada unha das formacións políticas presentaba ao su número 1 como candidato á alcaldía, resultando elixido alcalde o candidato da lista máis votada, que era Andrés Montesinos do PP, que deste xeito continúa á fronte do goberno municipal en minoría unha lexislatura máis.

Tras ser investido alcalde, Montesinos agradecía o apoio da cidadanía, o que lles permitiu ser a lista máis votada. “Somos conscientes de que este goberno non ten a maioría absoluta e de que deberemos entendernos cos demais para que o goberno funcione e esa vai ser a nosa intención, o noso deber e a nosa responsabilidade. Por iso tenderemos a man para tratar de sacar adiante proxectos e melloras polo ben de toda a cidadanía, aceptando tamén propostas”.

Montesinos indicaba tamén que “a política deste alcalde será a de defender a todo o mundo no concello, a de escoitar á veciñanza e estar ao lado do pobo nos momentos difíciles, e iso é o que imos facer, gobernar para toda a cidadanía porque é a nosa responsabilidade. O pobo é o que ordena, o pobo falou e decidiu que goberne a lista máis votada”.

Comunicados do PSdeG-PSOE  e do BNG

Tras a sesión de investidura do novo alcalde de Viana, o concelleiro socialista Germán García-Ávila emitía un comunicado lamentando que fora imposible chegar a un acordo co BNG para formar un goberno alternativo, pese aos intentos socialistas. “Vemos claramente que o BNG non tiña intención de negociacións, (e dicimos BNG cando en realidade cremos que deberíamos poñer un nome propio), ou é que tal vez esperaban de novo o noso apoio “regalado” para gobernar, ó mellor xa se lles esqueceu que eses ós que tanto critican lle demos dúas alcaldías a cambio de nada. Pensamos firmemente que +VIANA é posible, cun governo progresista e de diálogo, sen maiorías absolutas… Como pasa noutros moitos concellos, pero para iso hai que saber e querer dialogar”.

Xa pola tarde, o BNG de Viana emitía outro comunicado asegurando que “lamenta que finalmente se efectivizase a investidura de Andrés Montesinos como alcalde do PP de Viana do Bolo ao non se posible o acordo dun goberno alternativo liderado polo BNG. Neste sentido, o BNG, como forza política máis votada da esquerda, mantivo unha negociación co PSdG-PSOE para constituír una alternativa progresista na liña do mandato electoral dos vianeses”.

Así mesmo indican que, “alén do acordo marco a nivel galego adoptado entre PSOE e BNG, que defendía que se favorecesen gobernos alternativos ao PP apoiando á forza máis votada no ámbito da esquerda, o BNG propón unha alcaldía compartida alterna entre BNG e PSOE. Pese a isto, a esixencia do PSOE de Viana pasaba pola obrigada renuncia do cabeza de lista do BNG, Secundino Fernández, a ocupar calquera cargo de responsabilidade dentro do Goberno Municipal (incluíndo alcaldía e concellerías).

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button