CulturaCulturaÚltima hora

Antonio Rodríguez Colmenero abrirá as Xornadas de Prehistoria, Arqueoloxía e Historia na comarca de Monterrei

Comezarán o 23 de setembro no Castelo de Monterrei e incluirán diversas ponencias e visitas a xacementos

O arqueólogo Antonio Rodríguez Colmenero./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Hospital da Trindade do Castelo de Monterrei acollerá o 23 de setembro o inicio das Xornadas de Prehistoria, Arqueoloxía e Historia nas Terras de Monterrei, que se prolongarán ata o 25 de setembro. A cerimonia de apertura do curso está prevista para ás 10h. coas intervencións de diversos representantes institucionais. Neste mesmo acto entregarase unha mención de honra por unha traxectoria investigadora ao profesor doutor Antonio Rodríguez Colmenero.

Seguidamente, este reputado arqueólogo ofrecerá a conferencia inaugural das xornadas, ás 10:30h., titulada “A serra do Larouco e o nacemento dos principais núcleos que definen o territorio na comarca de Monterrei”.

O programa inclúe tamén a presentación da obra gañadora do Premio Xesús Taboada Chivite 2019 de investigación histórica ao profesor e doutor Rubén Castro Redondo, que ás 12:30h presentará “De señores, señoríos e medidas do país: cartografía metrolóxica da Galicia moderna”. Premio de investigación histórica Xesús Taboada Chivite.

Estas xornadas, con varias localizacións, incluirán ponencias diversas, así como visitas a lugares como o xacemento do Castro de Lobarzán ou á ruta de lagares rupestres de Oímbra. Entre os relatores das xornadas tamén estarán os investigadores Nieves Amado Rolán, Víctor Muñiz, Patricia Valle Abad, Diego Valor, Beatriz Comendador, Martiño Xosé Vázquez, Adolfo Fernández ou Eduardo Breogán Nieto.

 

 

“Na última década investigadores independentes e grupos vinculados a universidades e centros de investigación, veñen realizando diferentes proxectos de investigación e posta en valor do patrimonio cultural da comarca de Monterrei. Co lanzamento destas xornadas preténdese dar un novo paso e xerar un espazo de diálogo entre estudantes e investigadores, ao tempo que para a propia comunidade local da comarca”, dins os promotores do encontro. Tamén se busca involucrar “á sociedade no recoñecemento e valorización destes novos elementos culturais e científicos como paso previo necesario para a súa conservación futura”.

Estas xornadas están promovidas pola Universidade de Vigo, e dirixidas por Martiño Xosé Vázquez, en colaboración co Concello de Monterrei e coa Mancomunidade de Municipios da Comarca de Monterrei-Verín.

Máis información e o programa íntegro:
https://campusactivo.uvigo.gal/campusactivo/publica/actividad/ampliar.xhtml?idobjsel=3324&fbclid=IwAR00vdSwBNllE7xLVFGuiqAqOFm_UeNus3Yp1KFFpP7BNvxBLGOAxWYY9Tg

Artigos relacionados

Back to top button