Con música, como non podía ser doutro xeito, arrancaba a presentación do quinto disco do cantautor valdeorrés Anxo Rei, “Rosa”. Sobre o escenario, Rei, acompañado por Sito (guitarra e voz) e Luisa (violoncello) interpretaban “Cantar cantei” ante o numeroso público que enchía o Teatro Lauro Olmo na tarde do 27 de maio.
De seguido, tiñan lugar as intervencións da concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, e do escritor Delfín Caseiro, que tracexaba o devir musical de Anxo Rei, repasando cada un dos seus catro discos anteriores. Despois centraba a súa presentación en “Rosa”, cun título polisémico e que “constitúe un tributo de amor e gratitude” á súa dona e musa. Caseiro comentaba as dez composicións que compoñen este traballo, con arranxos do barquense Jorge Ojea. Entre eles, composicións propias e doutros poetas como Rosalía ou do valdeorrés Xosé Rodríguez Ferrer.
E tras as palabras, volvía á música coa interpretación de varias pezas recollidas no disco, entre elas “Teño unha Rosa”, composta por Rei. A presentación concluía cun intenso e emotivo aplauso para este cantautor que regresa aos escenarios logo dunha complexa etapa por motivos de saúde.
Fotos: Ángeles Rodríguez.
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil