Arredor das seis desta tarde os equipos de emerxencias eran mobilizados polo aviso da localización dun corpo sen vida aboiando, boca abaixo, no encoro de San Martiño, na zona próxima á EDAR da Rúa.
Ata o lugar desprazábanse de inmediado os voluntarios de Protección Civil da Rúa, os efectivos do GES Valdeorras que mobilizou aos membros do Grupo Acuático ata o lugar dos feitos para efectuar a recuperación do corpo, o 061 Urxencias Sanitarias, os bombeiros do parque comarcal, a Garda Civil e a Policía Local da Rúa.
Segundo as primeiras información, foron dous rapaces que estaban pescando na zona os que viron o corpo e deron aviso de inmediato. Polo de agora descoñécese a identidade desa persoa. Os equipos de emerxencia xa recuperaron o corpo das augas do encoro.
Segundo a información feita pública polo 112 Galicia, “despois do rescate, os efectivos de emerxencia confirmaron que se trataba dunha muller”.