CulturaCulturaÚltima hora

Aparece un esqueleto medieval case completo no Castro da Cereixa (Pobra do Brollón)

Atopábase nunha tumba de lousas, sen enchido de terra. Estes restos súmanse aos do denominado Atilano da campaña do ano pasado, sen embargo, o novo individuo está moito mellor conservado

 

Durante a última semana da campaña arqueolóxica que se vén desenvolvendo neste verán de  no Castro de San Lourenzo, Cereixa (A Pobra do Brollón), os investigadores acaban de descubrir un esqueleto medieval practicamente completo e en moi bo estado de conservación. “A lei de Murphy é implacable. Levabamos case un mes de campaña. Pero é sempre nos últimos días cando sae o máis espectacular”, en palabras de Xurxo Ayán, director arqueolóxico e investigador do Instituto de História Contemporânea da Universidade de Lisboa.

Baixo a súa dirección, o equipo de tres arqueólogos, unha antropóloga e 14 voluntarios do campo de traballo estaba a escavar unha igrexa e necrópole medievais no recinto do castro. No lado norte dos restos da igrexa medieval estaba a monumental tumba do esqueleto. Estes restos súmanse aos do famoso Atilano da campaña do ano pasado, mais o novo individuo está moito mellor conservado; os ósos están máis enteiros e achegarán máis información, segundo informan os investigadores.

O esqueleto atopouse nunha tumba de lousas, sen enchido de terra. “Neste tipo de tumbas créase un espazo baleiro que propicia a conservación dos restos”, segundo indica a antropóloga física Candela Martínez. Ao levantar a primeira lousa xa podía verse un cranio perfectamente conservado, con dentadura incluída.

Outros ósos conservados son os coxais (da zona da pelve), que xunto ao cranio permiten definir a idade e o sexo do individuo, aínda que de momento aínda se considera que é pronto para valoralo. Martínez fai unha valoración moi cautelar baseada nunha primeira observación dos ósos na que comenta que é posible que o esqueleto sexa de muller.

 

 

A dentadura achega información crucial sobre qué era o que comía esta persoa. “Coa análise de isótopos estables pódese saber a dieta que tivo o individuo na súa infancia, a partir de se consumiu máis proteína de peixe ou de carne. Isto dá pistas da procedencia da persoa”, seguno Martínez. A primeira vista, nesta dentadura nótase un gran desgaste, o cal pode vir motivado por factores varios como a idade ou a dieta. Para ter datos máis exactos haberá que esperar aos resultados de laboratorio, adiantan dende o equipo.

A campaña arqueolóxica no Castro de San Lorenzo comezaba o 15 de xullo e rematará este xoves 15 de agosto. Está promovida pola asociación veciñal da parroquia, o Concello da Pobra do Brollón e a Universidade de Lisboa, coa participación dun campo de traballo internacional subvencionado pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.
‘A lei de Murphy é implacable. Levabamos case un mes de campaña. Pero é sempre nos últimos días dunha campaña cando sae o máis espectacular’, declara Xurxo Ayán, director arqueolóxico e investigador do Instituto de História Contemporânea da Universidade de Lisboa.

 

 

Esta é xa a quinta campaña arqueolóxica que se desenvolve neste xacemento. Ademais da investigación arqueolóxica, parte do proxecto implica a recuperación da memoria do lugar. Isto supuxo a recuperación da romaría de San Lourenzo: un día, o 10 de agosto, convertido en cita anual obrigatoria para os veciños de Cereixa, do Concello e doutras parroquias de arredor. Este ano tamén se fará unha pequena intervención no “burato dos mouros”, unha boca de mina sita na muralla do castro, onde estivo agochado o mestre republicano Don Esteban.

As imaxes publicadas son da antropóloga Candela Martínez Barrio facendo o rexistro fotográfico dos restos.

Artigos relacionados

Back to top button