CulturaCulturaÚltima hora

Aparece unha muralla de 6 m de ancho e 4 m de alto no castro de Penas do Castelo (Salcedo)

Os restos decubríanse durante a campaña financiada pola Xunta en colaboración co Concello da Pobra do Brollón, Comunidade de Montes e Asociación Veciñal de Salcedo

 

Os traballos arqueolóxicos nas Penas do Castelo na parroquia de Salcedo (A Pobra do Brollón), iniciados o pasado 23 de agosto na parroquia de Salcedo, veñen de sacar ao descuberto unha muralla de 6 metros de ancho e 4 metros neste xacemento.

De feito, un dos obxectivos desta intervención era centrarse no estudo da muralla, que xa antes de escavar resultaba monumental e nun estado de conservación excepcional. Está acompañada ademais dun sistema de foxos escavados na rocha de enorme tamaño e espectacularidade, reforzado este efecto pola situación acrobática do xacemento, pendurado sobre o río Lor. Os arqueólogos querían dar coas dúas caras da muralla para poder ter unha sección da mesma e poder comprender o seu sistema construtivo, ademais de deixar un recurso moi visual para as visitas.

As estimacións dos técnicos eran duns tres metros de ancho de muralla cando planearon a sondaxe, mais ao pouco de comezar a escavar déronse conta que debían ampliar a sondaxe: a cara externa estaba moi clara mais a cara interna non aparecía. Tras a retirada do derrube, por fin deron coa cara interna resultando nunha muralla de seis metros de ancho.

A cara externa xa foi escavada anteriormente, comprobando que a muralla asenta directamente sobre a pena, cunha altura de case catro metros de altura conservados, que serían máis no seu momento de uso. Ademais, conserva un zócalo na propia base para axudar a adaptarse á pena sobre a que asenta.

A muralla está construída en seco, sen ningún tipo de argamasa entre as pedras e cun sistema construtivo moi orixinal. No seu interior os expertos puideron ver como a muralla está construída en base a unha especie de módulos que reforzan a estrutura. Os seus construtores foron dispoñendo, pois, unha serie de reforzos transversais no interior da propia muralla que axudan a resistir a enorme pendente sobre a que foi feita.

“A muralla é realmente monumental”, apunta Benito Vilas, membro de Árbore Arqueoloxía e director da intervención, “ademais, o sistema construtivo neste terreo tan escarpado foi efectivo, para probalo non hai máis que ver o seu estado de conservación’.

 

 

Para Marisa Defente, da directiva da Asociación Veciñal e Comunidade de Montes, “este achado monumental é un atractivo para o monte de Salcedo, tanto para que a xente nos visite como para incidir na conciencia comunitaria da propia aldea. Reforza, ademais a nosa aposta polos usos recreativos e de esparexemento do monte”.

Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón, destaca que “con esta intervención, este xacemento estraño, do que aínda non coñecemos a época pero absolutamente monumental, é un recurso turístico interesantísimo para a rede de recursos arqueolóxicos do Concello”.

A directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, María del Carmen Martínez Insua, pola súa banda, salientou a importancia deste descubrimento para poder afondar no coñecemento do noso pasado e documentar as técnicas construtivas coas que se estaba a traballar.

Esta campaña arqueolóxica, financiada pola Xunta de Galicia, encádrase nun proxecto de ‘arqueoloxía de aldea’, complementado con outras actividades culturais, a recollida da tradición oral da zona ou visitas guiadas que tiveron lugar durante todo o verán.

A época do xacemento de Penas do Castelo é aínda incerta. O rango de datación vai dende a Idade do Ferro ata a alta Idade Media. Precisamente establecer unha datación do xacemento é un dos principais obxectivos da campaña arqueolóxica, mediante toma de mostras que serán analizadas coa técnica do Carbono 14, segundo a información achegada dende o Concello da Pobra do Brollón.

Fotos cedidas polo Concello da Pobra do Brollón.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button