OurenseÚltima hora

Aprobada a memoria económica que avala a xestión directa do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento

A Sala de Xuntas do Pazo Provincial acolleu esta mañá o pleno extraordinario do Consorcio Provincial, integrado pola Deputación e a Xunta, no que se deu luz verde ao documento que apoia o cambio a xestión directa dos catro parques que conforman o Consorcio –Carballiño-Ribeiro, Xinzo de Limia, Verín e Valdeorras–

 

O pleno do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento de Ourense, integrado pola Deputación e a Xunta de Galicia, deu luz verde na sesión extraordinaria desta mañá a memoria económica aprobada pola comisión de estudo técnico-xurídica encargada de levar a cabo os trámites para implantar o cambio cara un modelo de xestión directa dos catro parques que conforman o Consorcio ­­­­­-Carballiño-Ribeiro, Xinzo de Limia, Verín e Valdeorras-.

A sesión extraordinaria do pleno, celebrada na Sala de Xuntas do Pazo Provincial, estivo presidida polo presidente do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento, o deputado Pablo Pérez; e contou, entre outros, coa presenza do director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta, Santiago Villanueva; e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

Trala celebración da sesión, Pablo Pérez explica que “unha vez máis, a Deputación de Ourense da mostra do seu compromiso cos servizos, a atención das emerxencias e a súa previsibilidade e planificación, cumprindo os obxectivos marcados”.

“Este cambio de modelo de xestión é un compromiso da Deputación cos bombeiros, co que por tanto volvemos a demostrar a nosa palabra”, salienta o deputado e presidente do Consorcio Provincial contra Incendios, que recorda que “este proceso, iniciado o 1 de febreiro de 2023, será finalizado nun prazo de tres meses, cando nas outras deputacións galegas levan tres anos”.

O cambio de modelo de xestión dos parques de bombeiros integrantes do Consorcio provincial implica tamén a subrogación como persoal fixo do Consorcio dos 75 bombeiros que traballan actualmente nas instalacións. Segundo referenda a memoria, “no caso do persoal operativo do Consorcio provincial de Ourense, e en aplicación do criterio recollido na sentenza do Tribunal Supremo 89/2022 do 1 de febreiro de 2022, en todos aqueles casos que contaban nese momento con un traballo indefinido, deben manter a categoría de traballadores fixo do Consorcio”.

A memoria económica que avala o cambio de xestión directa dos parques de bombeiros expoñerase durante 30 días ao público para observacións dos particulares e entidades. Despois dos correspondentes pasos administrativos, o pleno ordinario do Consorcio realizará a súa aprobación definitiva.

Peche do mapa provincial de emerxencias

A nova xestión directa dos parques de bombeiros do Consorcio súmase aos 11 Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) da provincia, ao servizo supramunicipal de Terras de Celanova e o parque de bombeiros que xestiona directamente a Deputación con base no polígono de San Cibrao. Desta forma, o mapa provincial de emerxencias de Ourense queda pechado. Ademais, o novo modelo de xestión do Consorcio enmárcase nunha iniciativa da Xunta de Galicia para a prestación homoxénea dos servizos de emerxencia en toda a comunidade galega.

Artigos relacionados

Back to top button