ConcellosO BarcoÚltima hora

Aprobada no pleno do Barco a modificación do PXOM para o aparcadoiro do PERI 7.1

Na sesión resultaban rexeitadas unha moción do PP sobre eliminación de barreiras arquitectónicas na vila e outra do BNG sobre transferencia a Galicia en materia de ferrocarril interior

 

Por unanimidade resultaba aprobada inicialmente no pleno ordinario do Barco deste mes de marzo a modificación puntual número 14 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para o aparcadoiro PERI 7.1. Trátase da zona situada entre o Paseo do Malecón, a rúa Ourense, a rúa Abdón Blanco e a avenida Conde Fenosa, que agora mesmo está ocupada en parte por unha parcela onde hai un aparcadoiro público. Ademais aprobábase o texto definitivo dos convenios urbanísticos de planeamento suscritos entre o Concello do Barco e os propietarios maioritarios dese PERI e abríase un período de información pública durante dous meses.

O PERI inclúe 14 parcelas catastrais cunha superficie total de 11.544 m2 repartidos entre solo urbano consolidado e non consolidado. “Cando se aprobou o PXOM houbo unha empresa que presentou unha demanda contra o Concello e contra a Xunta porque se sentín prexudicados como propietarios. Neste caso o problema xurdiu porque na parecela que agora mesmo ocupa o aparcadoiro, na parte correspondente á avenida Conde de Fenosa, había un paso previsto no propio plan de 6 m de ancho para dar acceso ao interior da parcela e poder aproveitar ese interior como espazo de aparcadoiro público. A propia empresa presentou esa demanda e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no 2007 deulle a razón co cal no 2020 empezouse a redactar toda a documentación para axustar ese PERI á sentenza e iso é o que traemos a pleno”, explicaba o voceiro municipal do partido socialista, Aurentino Alonso.

“O acordo, despois de reunión cos propietarios e, unha vez redactada toda a documentación, sería unha entrada dende o Malecón e se axustaría en dimensións e a entrada que correspondía a Conde Fenosa pásase para o Malecón tamén con acordo para os propietarios dos terreos, que xa se asinou convenio coas dúas partes. Neste intre o que facemos é continuar o procedemento para modificar inicialmente o PXOM”, continuaba Alonso, matizando que para o Concello “quedaría un espazo de aparcadoiro público duns 4.300 m2 e que se lle tería que entregar urbanizado”. O punto saía adiante co apoio de toda a Corporación (9 concelleiros do PSdeG-PSOE, 5 do PP e 3 do BNG).

Tamén por unanimidade resultaba aprobada un recoñecemento extraxudicial de crédito con 174 xustificantes (todas facturas do 2023) por valor de 119.678 euros, así como unha bonificación na cota do ICIO para unhas obras de rehabilitación de cuberta na Proba.

No pleno tamén se debatían dúas mocións unha presentada polo PP sobre a eliminación de barreiras arquitectónicas e outra do BNG sobre a transferencia a Galicia en materia de ferrocarril interior, ambas resultaban rexeitadas.

 

Artigos relacionados

Back to top button