En portadaÚltima hora

Apróbase o expediente de información pública do proxecto de trazado da A-76 tramo A Veiga de Cascallá-O Barco

A lonxitude da actuación proxectada é de 8,5 km e o orzamento estimado para a súa execución ascende a 41,85 millóns de euros

 

Novo paso no proxecto da autovía A-76 (Ourense-Ponferrada). O Boletín Oficial do Estado (BOE) vén de publicar o 10 de maio o anuncio da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia sobre a resolución do Ministerio de Fomento pola que se aproba o expediente de infomación pública do proxecto de trazado da A-76 no tramo A Veiga de Cascallá-O Barco de Valdeorras. A lonxitude da actuación proxectada é de 8,5 km e o orzamento estimado para a súa execución ascende a 41,85 millóns de euros.

Neste anuncio tamén se indican, entre outras cuestións, que estudarase “a posibilidade técnica de encaixar unha glorieta no cruce da estrada OU-622 co eixo 64 e a estrada OU-0808” e faise referencia a detalles relativos ás expropiacións.

 

O proxecto consiste, segundo indica o Ministerio de Fomento, no desenvolvemento da solución aprobada no estudo informativo, que prevía a “duplicación da N-120 entre os seus actuais puntos quilométricos 445,0 e 453,3, a excepción dun tramo intermedio de 1,1 km en variante para poder encaixar o enlace intermedio coa estrada autonómica OU-622 e de acceso ás localidades da Veiga de Cascallá e Rubiá,  mantendo as características funcionais do tronco da autovía e respectando a área de protección integral dun xacemento arqueolóxico presente na zona”.

Esta nova autovía disporá de dúas calzadas compostas por dous carrís de 3,50 m, separadas por unha mediana de ancho mínimo de 5,50 m. Os arcéns exteriores serán de 2,50 m e interiores de 1 m. O proxecto tamén contempla, segundo informa Fomento, a execución dun enlace coa estrada autonómica OU-622 e de acceso ás localidades de Rubiá e da Veiga de Cascallá, a adaptación dos ramais da remodelación do enlace de acceso ás localidades do Barco e de Vilanova de Valdeorras, previsto no proxecto Conexión entre as estradas N-120 e N-536, así como a reposición mediante seis pasos superiores e tres pasos inferiores de todas as estradas e camiños que crucen a traza garantindo a permeabilidade transversal da insfraestrutura”.

Artigos relacionados

Back to top button