ConcellosÚltima hora

Arquívase a denuncia do PP contra o alcalde do Barco

A resolución da Audiencia Provincial ratifica o sobreseimento decretado polo Xulgado do Barco
Alfredo García, alcalde do Barco, na rolda de prensa do 14 de maio./ Foto: Carlos G. Hervella.
Alfredo García, alcalde do Barco, na rolda de prensa do 14 de maio./ Foto: Carlos G. Hervella.

“Rematou esta peregrinaxe e esta sarta de insidias e descalificacións cara a miña persoa cun único obxectivo: quitarme de en medio a través dos xuíces para que eles puideran conseguir o que son incapaces de conseguir mediante o apoio dos cidadáns e o voto dos cidadáns”. O alcalde do Barco, o socialista Alfredo García, comezaba con estas palabras a rolda de prensa que convocaba o 14 de maio para dar a coñecer a resolución da Audiencia Provincial de Ourense pola que se desestima o recurso de apelación dos sete concelleiros do PP do Barco. Este recurso presentábano os edís populares tras a desestimación do recurso de reforma interposto por eles mesmos contra o auto ditado anteriormente no que tamén se desestimaba a denuncia presentada contra este rexidor polos servizos da ORA e da limpeza. Deste xeito péchase a vía penal.

O alcalde barquense incidía en que conclúe, tras case dous anos, un percorrido xudicial no que “xuíz tras xuíz, sentenza tras sentenza, téñenlles ido quitado a razón. Hai sentenzas do fiscal xeral, hai dous autos do xuíz do Barco… e agora definitivamente a Audiencia Provincial di que non hai caso. O alcalde do Barco é unha persoa honesta e honrada, dixérono moitas veces os xuíces”.

Alfredo García tamén destacaba que O Barco “é un pobo onde sempre houbo cordialidade entre os veciños e eles (en referencia aos edís populares) empeñáronse en empañar este carácter cordial. A xente do Barco non é así, non denuncia por denunciar nin para obter réditos políticos”. Lembraba ademais que a denuncia está asinada polos sete concelleiros do PP, “teñen a mesma responsabilidade ante nós, que nos denunciaron, e ante os cidadáns do Barco por acción ou por omisión”.

Ademais insistía en que os erros son humanos, “todos os cometemos, eu o primeiro. Parece ser que todos menos eles, que seguen dicindo que teñen razón e non recoñecen os seus erros e unha persoa que non recoñece os seus erros non pode ser nin será nunca un bo político, demostran unha falta de respecto brutal pola xustiza e polas institucións cando nin se arrepinten, nin se desculpan”.

Pola súa banda, o PP do Barco emitía na tarde do 13 de maio, tras coñecer a resolución, un comunicado no que manifestaba “o máximo respecto ás decisiones xudiciais aínda cando non as compartimos. Exercemos o noso dereito como cidadáns e representantes públicos de poñer en coñecemento de xuíces e fiscais as actuacións que se levaron a cabo de maneira irregular, como o propio auto da Audiencia Provincial afirma”.

Ademais os populares barquenses sinalan neste comunicado que, “comos temo defendido sempre dende o máximo respecto, existe unha verdade xudicial e outra política. A verdade xudicial di que non existe delito penal e nós respectámolo, pero tamén o auto da Audiencia Provincial invítanos a acudir á vía do contencioso-administrativo”.

Artigos relacionados

Back to top button