En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Arranca a XX Feira do Viño de Valdeorras co pregón de Javier Veiga

A mostra, que se inauguraba no mediodía do 15 de xullo coa presenza da conselleira do Medio Rural, reúne a 17 adegas desta denominación na praza de Viloira

“Falar de Valdeorras é falar de calidade suprema e da segunda denominación de orixe máis antiga de Galicia”. Así o destacaba a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, no acto inaugural da XX Feira do Viño de Valdeorras, no mediodía do sábado 15 de xullo na praza de Viloira (O Barco). Apoiabase a súa afirmación nos datos, entre eles o dos 24,5 millóns de euros que supuxo o sector do viño nesta comarca ourensá no pasado ano. E ademais apuntaba a importancia de seguir avanzando na internacionalización deste produto e no respaldo que nese camiño deben dar as administracións.

A súa intervención ía precedida pola do presidente en funcións do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, Francisco García, quen destacaba que o vitivinícola é, xunto coa lousa, un dos motores económicos desta comarca ourensá. Referíase aos seus “magníficos viños”, á singularidade dos seus solos, variedades de uva así como “ao mimo e bo facer” dos seus viticultores e adegueiros, que sitúan aos caldos desta denominación entre os “máis demandados nos mercados”. Asemade aludía ao potencial do enoturismo, por iso “é importante afondar na creacióin de circuítos turísticos específicos e permanentes arredor do viño, propoñendo e desenvolvendo actividades diversas e promocionalos en diferentes puntos xeográficos”.

Na apertura da mostra valdeorresa, que reúne nesta edición a 17 adegas, tomaban asemade a palabra o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, que subliñaba a calidade e singularidade dos viños de Valdeorras, matizando que o “viño é un magnífico embaixador dos territorios e das súas xentes”; así como o alcalde do Barco, Alfredo García, quen louvaba o godello valdeorrés, “un dos mellores viños brancos do mundo”.

A inauguración da feira completábase co pregón a cargo do actor galego Javier Veiga quen recurría ao humor ao longo do seu discurso e remataba cuns versos de Rosalía de Castro reconvertidos en tributo ao viño valdeorrés. A partires de aí, ao berro de “viva o viño e beba o viño!” convidaba aos asistentes a degustar os caldos das adegas da mostra: O Cepado, A Tapada, Guitián y Blanco, Roandi, Avancia, Cooperativa Jesús Nazareno, Cooperativa Virxe das Viñas, Sampayolo, Quinta da Peza, Viña Costeira, Eladio Santalla, Santa Marta, Melillas, Fornos GRS, Felipe Mayo, O Casal e José González.

Tamén na apertura facíase entrega do premio ao autor do cartel anunciador desta edición da feira, que é obra do publicista barquense Víctor Miranda. Tras as intervencións comezaba a soar o ritmo da charanga Fuego e os godellos e os mencías valdeorreses enchían as copas. O programa da feira continuará pola tarde con novas degustacións así como coa actuación do grupo Airiños de Caldelas (19:30h.) e co showcooking do chef Flavio Morganti ás 20h. Ademais ás 23:30h., no mesmo recinto feiral, actuará o grupo valdeorrés Son do Sil.

Fotos: Carlos G. Hervella
Máis fotos:
https://osil.info/inauguracion-da-feira-vino-valdeorresa-en-imaxes/
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button