OurenseÚltima hora

Arrancan en Ourense as xornadas conmemorativas do 87 aniversario da II República

O primeiro relatorio correu por conta da profesora de filosofía, Aurora Marco
David Simón e Aurora Marco, durante a charla.

Na tarde do 10 de abril abríase o programa de actos organizados pola asociación Amigas e Amigos de República para conmemorar “unha etapa histórica truncada polo levantamento que deu lugar a longa noite de pedra que supuxo o franquismo”. Facíano cunha charla no Liceo de Ourense a cargo de Aurora Marco, profesora de filosofía que ten investigado o papel que desempeñaron as “resistentes” neste caso durante a década dos 40.

Despois da presentación por parte do presidente de Amigos da República, David Simón, a autora falou das guerrilleiras da chaira (enlaces) e do monte (as que estaban na clandestinidade), as diferentes misións que levaron a cabo dentro das dúas organizacións que operaron en Galicia na década dos 40; á vaga represora desatada contra elas, especialmente cruel polas dimensións e a ferocidade dos métodos utilizados; aos apoios con que contaron; aos refuxios por onde andaron as que pasaron á clandestinidade, etc.

Na segunda parte da palestra titulada “Na procura da liberdade e a xustiza: as resistentes antifranquistas” a autora relatou as historias de vida de guerrilleiras de diferentes lugares, que foron duramente represaliadas como consecuencia do seu posicionamento en defensa da xustiza e da liberdade.

Os actos continúan esta tarde ás oito, coa conferencia-recital “Vivas en nós. Represión e Muller na Segunda República” a cargo de Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer (Escritores e profesores da Universidade de Santiago de Compostela), no Salón Tertulias Liceo De Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button