ConcellosÚltima hora

As asociacións e os veciños poderán intervir nos plenos do Barco

A Corporación barquense aprobaba por unanimidade o Regulamento Orgánico do Concello na sesión celebrada o 3 de decembro
O portavoz do grupo municipal do PSdeG-PSOE no Barco, Aurentino García, intervindo no pleno./ Foto: Ángeles Rodríguez.
O portavoz do grupo municipal do PSdeG-PSOE no Barco, Aurentino García, intervindo no pleno./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Ademais dos concelleiros e do alcalde, nos plenos do Barco tamén poderán intervir as asociacións e os veciños. Así o acordaba por unanimidade a Corporación barquense ao aprobar na sesión do 3 de decembro o Regulamento Orgánico do Concello do Barco. “Trátase de marcar as pautas a nivel de funcionamento orgánico, non só do pleno, senón tamén do Concello: plenos, tipo de sesión, diferentes procedementos para as propostas, enmendas…”, explicaba o portavoz do grupo municipal socialista no Barco, Aurentino Alonso. Este documento recolle que as asociacións podan participar nos debates plenarios e tamén abre a posibilidade de que os veciños interveñan ao finalizar o pleno.

Pola súa banda, o portavoz do PP, Arsenio Moldes, recordaba que no ano 2007 o seu grupo municipal presentou no pleno barquense unha moción que solicitaba un regulamento de participación cidadá e que a aplicación deste regulamento “non se viu nunca nos últimos catro anos”. Ademais anunciaba o voto favorable dos populares xa que “levamos traballando por isto dende o 2007”. Tamén o concelleiro de Riada Cidadá, Félix García, apoiaba este punto, se ben matizaba que o “regulamento é claramente mellorable” e aludía a unha serie de temas que consideraba que se deberían recoller.

Outro dos momentos da sesión plenaria da Corporación barquense./ Foto: Ángeles Rodríguez.
Outro dos momentos da sesión plenaria da Corporación barquense./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Respondendo a ambos concelleiros, Aurentino Alonso sinalaba que o regulamento ao que aludía o PP “é do 2011 e está vixente, calquera puido telo utilizado”. Asemade recoñecía que o documento que se sometía a votación “é mellorable, pero o Concello do Barco non ten a capacidade que teñen outros concellos para dispor de persoal dedicado a isto e a maioría das cuestións que vostede propón si se recollen nel”.

Nesta sesión plenaria do Barco tamén se aprobaban por unanimidade outros puntos como a modificación dos modelos de declaracións preceptivas que deben presentar os concelleiros, a creación dun novo ficheiro de datos persoais relativo ás entidades veciñais ou unha moción socialista que pedía a declaración do 2016 como “Ano das Irmandades da Fala”.

Artigos relacionados

Back to top button