Cantabria está consirada a comunidade das grandes cavidades, con multitude de quilómetros de percorrido de impresionantes formacións, cursos de auga e salas de gran beleza. E así o comprobaban os participantes no Campamento Galego Extraterrorial que, por vez primeira organizaba o G.E.M Águilas Verdes coa colaboración da Federación Galega de Espeleoloxía, e que tiña como escenario o Parque Natural do Alto Asón (Cantabria).
No campamento participaban unha vintena de espeléologos que quedaban fascinados polas características, singularidades e beleza das cavidades desta zona cántabra, onde se desenvolvían actividades na fin de semana do 29 de abril ao 1 de maio. Os participantes pertencían a seis clubs galegos: Montañeiros Celtas, Aradelas, Rei Cintolo, Alpino Ourensán, GES Irmandiños, Terraventure xunto con membros da entidade organizadora, o GEM Águilas Verdes e da federación galega.
Os asistentes aloxábanse no albergue de Coventosa, onde se organizaban en 5 grupos para desenvolver a actividade en cova. Entre as simas visitadas cabe destacar A Gándara e Conventosa. No caso do sistema da Gándara, cun total de 137 km, os participantes no campamento realizaban a travesía curta dunhas 6 horas, na que cal podían desfrutar de elementos naturais como unha fervenza.
Especialmente interesante lles resultaba Coventosa, cuns 32 km topografiados polo de agora, na que se facía un percorrido por unha parte que chegaba ata a “Sala de los Fantasmas” e as Marmitas.
“No caso da Gándara había zonas máis técnicas, foi un percorrido máis complicado. Realmente foi unha experiencia fantástica, diferente, estas covas non teñen nada que ver coas galegas. De feito, a nivel de club, estamos valorando a posibilidade de organizar algunha actividade máis en Cantabria”, adiantan dende o GEM Águilas Verdes.
https://youtube.com/shorts/6YGpVmB_aiI?feature=share
https://youtube.com/shorts/KJO73-zbCAQ?feature=share
https://youtube.com/shorts/ukm_h526TCo?feature=share
Ademais dende este club organizador agradécese a participación de espeléologos e clubs nesta actividade, así como a colaboración de Malmon e MTDE que aportaron material relacionado con este deporte que se sorteaba entre os asistentes á cea de confraternización que tiña lugar na noite do domingo no Restaurante Coventosa.
Fotos e vídeos: GEM Águilas Verdes.
Fotos das covas da Gándara e Coventosa.