EconomíaEconomíaÚltima hora

As ‘cabanas do bosque’ chegan a Valdeorras

Este tipo de aloxamento sostible de luxo nun entorno natural, aterrará na localidade de Quereño, no concello de Rubiá

 

As ‘cabanas do bosque’ tamén coñecidas como ‘cabanas nas árbores’ son uns aloxamentos turísticos revolucionarios que se volveron virais en redes sociais. Unha experiencia única para o viaxeiro, con listas de espera que nalgúns casos pasan do ano e que agora chega a Valdeorras.

O concello de Rubiá será o primeiro municipio da comarca en contar con este tipo de aloxamento sostible, tan de moda nos últimos de tempos. Concretamente o complexo estará situado en Quereño, pobo natal do seu promotor, David Álvarez.

 

Prototipo de ‘cabana do bosque’.

 

As cabanas situaranse nun terreo de sete hectáreas (70.000 m2) cunhas vistas espectaculares que xa de seu serán unha experiencia para o hóspede. Ademais do aloxamento, a leira contará cun paseo interpretativo entre diferentes árbores autóctonas, un viñedo de uva Godello e unha zona de piscina e spa.

O proxecto atópase agora mesmo na fase inicial de presentación e desenvolvemento, comezando coas obras de adecuación e a súa apertura “dependerá dos trámites administrativos necesarios previos á súa construción”, explica David, adiantando que se trata dunha “aposta de valor polo territorio, moi importante para o desenvolvemento do Camiño de Santigo de Inverno e o Parque Natural Serra da Enciña da Lastra”, non en van, Quereño é a porta de entrada en Galicia en ambos os casos.

 

Zona de piscina en plena natureza.

 

Ademais do empresarial o proxecto tamén ten unha parte sentimental. “Que sexa o meu pobo, onde me criei, onde descansan os restos do meu pai e os meus avós, persoas que sen dúbida marcaron a miña vida polos seus valores e consellos, influíu moito na decisión”, di David, recoñecendo que dalgún xeito “é unha homenaxe a todos eles, unha maneira de devolver ese agarimo que sentín tamén de todos os veciños que arrimaron o ombro xa co primeiro evento que fixen no pobo e que votaron un si unánime á hora de presentarlles o proxecto”. O promotor do proxecto está convencido de que é unha maneira de atraer xente ao pobo, de que as súas rúas sigan tendo vida. “Estou moi feliz por iso; e por suposto quero agradecer a Rubiá e ao seu alcalde a súa predisposición e colaboración desde o primeiro momento que se lle presentou esta idea. Coa suma de todos creo que será un proxecto referente no sector”, conclúe.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button