ConcellosÚltima hora

As chuvias deixan os encoros da conca Miño-Sil ao 76% da súa capacidade

Dende o 1 de outubro ata agora lévanse recollido nesta demarcación 982 litros por metro cadrado, segundo a CHMS

 

Tras as intensas chuvias rexistradas nos últimos días, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) vén de facer balance da situación nos ríos da demarcación. “Dase por rematado o período de seca, como é obvio e evidente. Dende o 1 de outubro lévanse recollido nesta conca 982 litros por metro cadrado, pero non todas as mesmas unidades territoriais recibiron a mesma cantidade, hai diferenzas notables entre elas. Se falamos do baixo Miño, estivose preto dos 1.000 l/m2 e no Miño alto houbo 670 l/m2”, comentaba o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga.

 

 

O presidente da CHMS, José Antonio Quiroga.

 

No caso da cidade de Ourense a cantidade recollida chegaba aos 786/lm2. “Falamos dunha cantidade moi importante, que acaba provocando ás veces efectos non desexados e non positivos polas enchentes nalgunhas cuestións, posto que nalgúns casos producíronse desbordamentos, con destrozos afeccións a infraestruturas e instalaacións, etc.”, engadía Quiroga, que citaba como zonas problemáticas a Terra Chá, Monforte de Lemos, Ourense cidade, A Limia ou Baños de Molgas”.

Pero, como contrapartida, as chuvias permitiron nutrir capas freáticas, mananciais e tamén os encoros, que arestora na conca do Miño-Sil están ao 76%. “No de Belesar, que é o máis grande da conca están entrando 1.200 m3/segundo e está ao 93%. Este é un efecto positivo das chuvias”, conclúe o presidente da CHMS.

Artigos relacionados

Back to top button