CulturaCulturaÚltima hora

As curtas ganadores do FIC Vía XIV, a vindeira semana na Casa da Cultura de Verín

O pase, que será gratuito ata completar o aforo do recinto, terá lugar a partir das 21 horas do venres 21 de outubro

Publicidade
Público asistente ao FIC de Verín./ Imaxe: FIC Vía XIV de Verín.

 

A Casa da Cultura de Verín vai acoller a vindeira semana un pase especial das diferentes curtas que obtiveron premio na máis recente edición do Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV, que se desenvolveu a principios do pasado mes de setembro na vila do Támega. A proxección terá lugar o 21 de outubro, venres, a partir das 21.00 horas, e será gratuita ata que se complete o aforo do recinto.

Así, no marco desta exhibición, o público de Verín poderá desfrutar dos traballos que resultaron premiados dentro de cada unha das categorias do certame. No marco da categoría Nova, patrocinada pola Fundación Dentalnova, o traballo gañador foi The last day of patriarchy, dirixido por Olmo Omerzu, unha coprodución entre a República Checa, Eslovenia e Francia.

Na categoría Horizontes gañou Vol de nuit, unha curta de 26 minutos de duración de orixe belga e dirixida por Kenan Görgun. E na categoria A Raia, patrocinada pola Eurocidade Chaves-Verín, foi merecente do premio a curta O teu nome é, un traballo con selo portugués dirixido por Paulo Patrício. Finalmente, o Premio Especial do Público recaeu no film Rompente do director ligado a Verín, Eloy Domínguez Senén.

Todos estes traballos poderán visionarse, de novo, en Verín nunha acción que ten como obxectivo “impulsar e darlle continuidade a unha iniciativa cultural como é o FIC Vía XIV, plenamente incardinada na axenda de ocio e lecer da nosa vila”, destaca o director do certame, Carlos Montero.

Artigos relacionados

Back to top button