EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

As DDOO vitivinícolas posiciónanse na revisión de sistemas de indicacións xeográficas da UE

Reivindican, entre outras cuestións, que ese proceso de revisión estea aliñado cos compromisos resultantes da reforma da PAC e que a Comisión se absteña de crear un regulamento único para as figuras de calidade de todos os produtos agroalimentarios

Foto: A.R.

 

As organizacións representativas das denominacións de orixe europeas e nacionais nos grandes países produtores (Francia, España, Italia e Portugal), así como denominacións de orixe concretas pertencentes ás devanditas organizacións, fixeron chegar á Comisión Europea, de forma consensuada, as súas peticións, en resposta a esa consulta pública inicial. Así se sinala dende a Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas (CRECV).

“As DDOO reivindican, entre outras cousas, que ese proceso de revisión estea aliñado cos compromisos resultantes da reforma da PAC e que a Comisión se absteña de crear un regulamento único para as figuras de calidade de todos os produtos agroalimentarios, así como tamén de deixar a xestión destes réximes a nivel UE en mans da axencia europea de propiedade intelectual (EUIPO)”, aseguran dende a CECRV.

E é que European Federation of Origen Wine (EFOW) e as súas organizacións membros, entre elas CECRV, acollen favorablemente a revisión da política que regula os réximes de calidade da UE (DOP e IXP), co fin de axudar aos operadores e aos órganos de xestión das figuras de calidade a contribuír mellor aos obxectivos da estratexia europea Da Granxa á Mesa.

As organizacións representativas das DDOO consideran que a Comisión debería aproveitar esta oportunidade para “reforzar as indicacións xeográficas, a fin de que poidan responder aos novos retos en materia de protección (na contorna en liña, en relación ao emprego dos nomes das IIGG como ingredientes e na loita contra todo tipo de fraude) e no ámbito da sustentabilidade económica, social e ambiental, entre outros. Estes elementos xa foron promovidos por EFOW e por CECRV como parte da reforma en curso da Política Agrícola Común e trabállase para que formen parte da nova Organización Común de Mercados (OCM) da nova PAC, tal e como indican estas entidades. Así mesmo, a xuízo de EFOW e de CECRV, a Comisión Europea debería “basearse nestes piares para fortalecer a política de indicacións xeográficas da UE”.

Sobre a coherencia que as organizacións representativas das DDOO reclaman coa reforma da Política Agrícola Común, estas poñen de relevo que “a reforma dos sistemas de réximes de calidade da UE debe ter en conta os compromisos que conterá a nova PAC en relación ás indicacións xeográficas en materia de sustentabilidade, protección das DOP, prevención e loita contra a fraude e simplificación dos procedementos a elas ligados”.

E, en canto á posibilidade de que a Comisión Europea cree un único regulamento para as figuras de calidade de diferentes sectores agroalimentarios, as organizacións representativas das DDOO maniféstanse en contra, “por considerar que iso non garantirá ningún tipo de simplificación para os operadores vitivinícolas e diluirá a longo prazo as especificidades do sector do viño e do resto de sectores, particularidades que deben ser moi tidas en conta nas normas que os regulan”. EFOW e CECRV consideran indispensable que a política de calidade se manteña no marco da OCM, que “ofrece xa un enfoque global ao sector vitivinícola en materia de etiquetaxe, instrumentos de mercado, xestión de crise, normas de comercialización…”.

Finalmente, as organizacións representativas das DDOO a nivel UE e nacional deixan claro que “as indicacións xeográficas non só son dereitos de propiedade intelectual, senón tamén instrumentos de desenvolvemento rural, razón pola cal non sería aceptable que a política de IIGG sexa administrada e xestionada exclusivamente pola axencia europea de propiedade intelectual (EUIPO)”.

Deste xeito, os presidentes de EFOW, Bernard Farges, e de CECRV, David Palacios Algarra, comparten que “a reforma da política de indicacións xeográficas da UE debe ter como obxectivo que as denominacións de orixe de viño sexan tamén unha historia de éxito no marco do Pacto Verde Europeo. Debe proporcionar aos operadores e ás indicacións xeográficas ferramentas que lles permitan ser competitivos a nivel internacional e responder as demandas dos consumidores en termos de autenticidade e sustentabilidade. E fan un chamamento á Comisión Europea para que renuncie á creación dun regulamento único e non delegue a política de calidade á EUIPO”.

Artigos relacionados

Back to top button