EconomíaEconomíaÚltima hora

As empresas asociadas a AEVA tamén poderán ser “Puntos Violetas”

O Concello do Barco vén de asinar un convenio con esta entidade empresarial nese senso

Representantes do Concello do Barco e de AEVA no acto da sinatura do convenio./ Cedida.

 

Uns días despois do convenio asinado entre o Concello do Barco e O Barco Aberto Centro Comercial para a creación de “Puntos Violeta” de información nos comercios asociados, neste 22 de novembro esta administración local vén de rubricar un novo conveno, desta volta coa Asociación Empresarial da Valdeorras (AEVA). O alcalde do Barco, Alfredo García, o concelleiro de Servizos Sociais, Orlando Saavedra, e a presidenta e a vicepresidenta de AEVA, Araceli Fernández del Palacio e Pilar Pérez Bustillo, respectivamente, asinaban este acordo para a implantación deste tipo de puntos nos comercios e empresas asociados que queiran adherirse voluntariamente a este programa.

“O obxectivo é estender, de forma masiva, a información necesaria para saber como actuar ante un caso de violencia contra as mulleres, que é un problema estrutural que require da implicación do conxunto da sociedade para acabar con ela, e os puntos violeta son ferramentas coas que se busca achegar a información sobre os servizos integrais alí onde están as vítimas. A implantación dos Puntos Violetas ten como obxectivos principais: buscar a implicación de toda a sociedade na loita contra a violencia machista, achegar a información dos servizos integrais ás vítimas a través da súa contorna e facilitar información sobre como actuar ante un caso de violencia machista a establecementos, entidades, empresas e organismos públicos”, segundo o Concello do Barco.

O Concello facilita aos establecementos e empresas participantes unha pegatina cun código QR que da acceso a unha ‘Guía Punto Violeta’ para actuar fronte á violencia machista. A guía contén información sobre como actuar ante un caso de violencia machista na contorna de calquera persoa, así como información con recursos para as propias vítimas, e información sobre que é a violencia machista, as súas diferentes manifestacións, e como detectala. Eses carteis adhesivos tamén sinalizan aos espazos que están libres de violencia machista e lugar seguro para as vítimas, onde poden recibir información e acompañamento se o necesitan.

Con este acordo e desenvolvemento do programa “Puntos Violetas” “queremos mandarlle ás mulleres unha mensaxe rotunda: non están soas. As institucións e a sociedade acompáñanas e por iso estamos envorcados en detectar ata o último fallo e as posibilidades de mellora para chegar sempre a tempo”, di Orlando Saavedra, concelleiro de Servizos Sociais.

Este proxecto busca engadir unha acción máis de sensibilización e visualización permanente dá cidadanía contra as violencias machistas no ámbito municipal. Con esta actuación do Concello e de AEVA búscase implicar o tecido económico, laboral, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento permanente á violencia de xénero.

 

Artigos relacionados

Back to top button