ConcellosO BarcoÚltima hora

O Concello do Barco adhírese ao convenio para a continuidade dos GES

A moción era aprobada no primeiro pleno ordinario do ano

 

Trala ratificación da súa inclusión na orde do día, na tarde deste xoves 16 de xaneiro o pleno do Barco aprobaba por unanimidade a adhesión do Concello ao convenio asinado o 30 de decembro pola Xunta de Galicia, as catro Deputacións Provinciais a e FEGAMP para que continuen funcionando os Grupos de Emerxencia Supramunicipal en Galicia.

Na súa intervención, o alcalde do Barco, Alfredo García explicaba que o convenio “é igual ao anterior a pesar das peticións de moitos Concellos no que nin sequera modificou a suba dos salarios correspondentes. Segue poñendo as mesmas cantidades a aportar por cada Administración a pesar de que cada ano soben, sendo os Concellos os teñen que poñer máis polo incremento salarial”, dixo, recoñecendo que “non é algo que asinemos nós polo que só nos queda adherirnos ou non, malia ser inxusto que os Concellos teñan que asumir o incremento dos salarios sen que a Xunta mova un só dedo”.

No seu  turno, o portavoz do BNG destacou a complexidade deste tema, advertindo dos informes desfavorables que existen, igual que o fixo o portavoz do PP, malia votar todos a favor da moción do Concello.

Segundo a Xunta, o convenio asinado “estará vixente durante os anos 2025, 2026 e 2027 cun orzamento total de 32,16 millóns de euros e lévase a cabo ao considerar que o traballo dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais contribúe a mellorar as condicións xerais de seguridade das persoas e das súas propiedades en situacións de risco”. Así, “seguirán desenvolvendo un servizo público en materia de emerxencia, protección civil e prevención de lumes”.

Outro dos puntos aprobados por unanimidade no pleno era unha moción do partido socialista para ratificar a xestión pública e directa do CAPD de Ourense.

 

Artigos relacionados

Back to top button