Continuando coa recuperación de tradicións, o Concello do Bolo poñía o broche á programación do Nadal recuperando unha representación teatral que se facía ata mediados dos anos 80, no adro do Santuario das Ermidas sobre a historia dos Reis Magos.
A obra, que conta a chegada dos Reis de Oriente a Xerusalén e o seu encontro co Rei Herodes, así como a adoración no portal de Belén do neno Xesús, era posta en escena pola compañía ourensá Platea Lúa no mediodía deste luns 6 de xaneiro, antes da misa do día de Reis no Santuario das Ermidas.
Tal como indican dende o Concello, a recuperación do texto representado hoxe foi posible grazas aos veciños das Ermidas que aportaron os seus recordos de cando o facían eles mesmos. Esta representación que se deixou de facer a mediados dos anos 80, contaba coa participación de moitos veciños tanto como actores como para montar todo o escenario e os disfraces. Lembra Antonio Rey que se facía o día 5 de xaneiro pola noite e o día 6 antes da misa. “Os reis baixaban a cabalo ou en mulas polo pobo e chegaban ata a entrada do adro da igrexa do santuario; alí estaba o Castelo do Rei Herodes e o Portal de Belén; os traxes eran colchas e sabanas e facíamos as coroas con cartóns”.
Toda a representación facíase no tempo que lembra Antonio Rey, cando era neno, co permiso do administrador do santuario, Felipe Álvarez. Despois da representación había a misa e posteriormente sacábase en procesión ao neno Xesús para que os asistentes lle bicaran os pés. Tradición que se continúa facendo no interior da igrexa cada ano, tal como el mesmo conta.
Na representación desta mañá estaba o alcalde do Bolo, Alberto Vázquez, e tamén moitos veciños das Ermidas, algúns deses que hai anos facían de actores. “Os Reis antigos viñan en cabalos adornados, había moita xente e era moi moi bonito”, lembraba Ermitas, a encargada de representar ao Anxo que anunciaba o nacemento de Xesús.
“Para min era moi emocionante e lémbroo con moito cariño pero tamén tristeza porque agora a xente non participa en nada. Hai que participar tanto na misa coma no resto de actos que representan o Nadal e a Semana Santa”, dixo, convidando á xente a participar no actos organizados polo Concello, como esta representación ou a ‘Estoupa do Xudas’ recuperada o ano pasado. “Eu estou encantada e gustaríame que a xente participara e axudara en lugar de criticar”, dixo, animando tamén a participar “aos que están dentro do Santuario porque todo é relixión”.
Fotos e vídeos: O SIL.