Dende o Concello da Rúa veñen de informar de que “esta fin de semana festiva non contará con atraccións infantís para nenas e nenos no recinto feiral do Aguillón”, explicando que esta situación “deriva da negativa do sector a participar do novo recinto para cumpriren coas normativas de seguridade que eran, sobre todas as cousas, a única liña vermella posta polo Concello para a súa instalación”.
Aseguran ser conscientes do “enorme transtorno que esta situación causa pero temos claro que non imos poñer en risco a seguridade das persoas incumprindo coa lei”.
Na nota emitida polo Concello explican ser tamén conscientes das “presións sufridas por boa parte do sector, que até onte mesmo manifestou o seu grande interese por acudir a unhas festas que representan para eles unha parte importante da súa facturación de verán”.
Do mesmo xeito, instalacións alternativas que segundo o Concello xa tiñan apalabrada a súa participación como unha noria xigante ou o boomerang “tiveran que renunciar á súa asistencia ás festas ante a situación xerada por quen só pensa en boicotear as Festas da Rúa por interese propio e non no benestar dos seus conveciños e conveciñas”.
Desde o Concello manifestan o seu “máis fondo pesar polos inconvintes que esta situación vai xerar no divertimento de nenos e nenas que son, como resulta claro, unha parte fundamental do público obxectivo das festas de verán”, pero a pesares de todo convidan a toda a cidadanía a “volcarse na excepcional programación deste verán reiterando o compromiso do Concello da Rúa coa seguridade e o benestar das persoas e deixando claro que esta situación non se repetirá en 2025 coa consolidación do recinto feiral do Aguillón”.