ConcellosGalerías de fotosO BarcoÚltima horaVídeos

As Fillas Bravas despiden con moito humor, teatro e música o “IX De Perto”

 

Entre gargalladas, contos, coplas e son de pandeiretas despedíase na tarde do 17 de xullo unha intensa novena edición do ciclo “De Perto” no Barco. Isaura, Dosinda e Benedicta eran as últimas en subirse ao escenario deste programa adicado á palabra, que se viña desenvolvendo dende o 25 de xuño no Xardín da Casa Grande de Viloira. Estas peculiares pandereteiras do “lugar de Momán, parroquia de Padrenda, concello de Trabancas”, presentaban “As Fillas Bravas e o mito de Casandra”, un espectáculo teatral en clave de humor.

“É unha peza de teatro en pequeno formato, a segunda entrega das Fillas Bravas, o perfecto colofón deste De Perto”, dicía o técnico de Cultura do Barco, Gustavo Docampo, xusto antes de despedir esta edición, agradecendo, novamente, o apoio do público “grazas por facer comunidade e facer posible este ciclo”, concluía.

 

 

Deseguido, facían a súa aparición as Fillas Bravas, que, tras presentarse, lembraban que xa estiveran co seu primeiro espectáculo en decembro do 2019 no Teatro Lauro Olmo do Barco. A partir de aí, botando man da retranca e da música, cantaban e contaban o mito de Casandra, adaptando a música da xota de Toutón, e abordaban co seu particular punto de vista cuestións como o cambio climático ou a pandemia do Covid.

Tampouco faltaban os contos escoitados ou inventados, ben aderezados de retranca, nesta peza do Grupo Chévere (dirixida por Xron e interpretada por Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Vilar) que conectaba de inmediato co público barquense.

Fotos: A.R.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button