
Como cada inicio do mes de febreiro, salvo os dous últimos anos por mor da pandemia Vilanova (A Pobra de Trives) celebrará esta fin de semana tres importantes citas: a Festa da Virxe das Candeas, o San Brais, e a Festa do Chourizo.
A programación comezará o sábado 4 de febreiro ás 10 da mañá coa andaina organizada polo Club Montaña Trives, con saída dende a praza do Pilón na Pobra de Trives, pasando por Santa María de Trives, Sas, Pena Folenche, San Mamede e Vilanova, onde haberá unha gran chourizada.
Ese mesmo día ás 13h. terá lugar a misa solemne na honra á Virxe das Candeas amenizada polo Orfeón Trives, procesión e sesión vermú coa charanga Nova Trives e xa entre as 17 e as 17:30h. comezarán a prepararse as fogueiras no souto, entre os castiñeiros, nas que asar os chourizos ao espeto que dan nome a unha festa gastronómica con anos de historia. Grupos de amigos e familiares, danse cita para pasar unha tarde-noite ao calor do lume, degustando un dos produtos estrela da mantanza e quentando o corpo cun bo viño e licores caseiros. O apartado musical, a partires das oito e media da tarde, correrá por conta do trío Nostalgias e a disco móbil Bady.
O domingo, tocaralle o turno a San Brais. Unha alborada a cargo da charanga Nova Trives espertará aos veciños que terán procesión e misa ás 13h. Á saída, a mesma charanga fará a sesión vermú.