En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

As gaitas regresan a Cabeza de Manzaneda

A Banda de Gaitas do Concello de Xinzo de Limia proclamábase campioa do XII Certame Celtibérico de BB.GG. cuxa final de celebraba na mañá deste domingo 1 de agosto na serra

 

Tralo parón do ano pasado ao que obrigaba a pandemia de Covid, na mañá deste 1 de agosto o son das gaitas envolvía unha vez máis Cabeza de Manzaneda. Tal como estaba previsto e tralo festival preliminar celebrado onte na Noite Celta da estación de montaña, ás 11 horas deste domingo, con puntualidade británica arrancaba no campo de competición, no alto da serra, a fase final da XII edición do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, no que participaban trece bandas de Galicia, Asturias e Portugal.

 

A Banda de Gaitas do Concello de Xinzo de Limia, campioa do certame.

 

Tal como explicaba o propio alcalde de Manzaneda Amable Fernández, no acto, son xa máis de trinta anos de vinculación entre a estación de montaña e o certame de bandas de gaitas “primeiro a nivel galego e dende hai máis de doce anos con este certame celtibérico”, puntualizou, agradecendo o esforzo da organización e sobre todo a participación dos gaiteiros e a asistencia do público, “a pesares da situación sanitaria”. Pola súa banda, o director da Real Banda de Gaitas e organizador do certame, Xosé Lois Foxo, destacou a fonda tradición existente na zona polo son da gaita, dando a benvida aos asistentes.

 

O alcalde de Manzaneda, Amable Fernández coa presentadora.

 

Con Asun Rodríguez Adá como mestra de cerimonias, as primeiras en tocar eran as bandas do 4º grao: Concello do Bolo (OU), Concello de Riós (OU), Preparatorio (OU) e São Tiago de Cardielos (PT), sendo esta última quen se clasificaba en primeiro lugar seguida pola Preparatorio e a do Bolo.

No 3º grao competían o Concello de Vilariño de Conso (OU), Ladies Band (OU) e Devalar de Amoeiro & Os Trintas de Trives (OU) proclamándose estes últimos campións do grao. Segundas eran as Ladies Band. E con respecto ao 2º grao a banda do Concello de Xinzo de Limia B (OU) proclamáse campioa, sendo segunda a Municipal de Chantada (LU). Unicamente competían esas dúas bandas.

 

Ofrenda a Don Gabino García.

 

Autoridades presentes no acto.

 

Chegados a este punto chegaba o turno dos campionatos solistas, primeiro de bastón de mando  e despois de gaiteiros. Neste segundo concurso participaron músicos da zona que levaban premio: Rosa de Celeirós (O Bolo) o segundo na categoría de máis de 10 ano e menos de 18; e Diego Prieto de Vilariño Conso, o primeiro na categoría de máis de 18 anos. Ademais, Flores de Riós recibía unha mención especial.

E ben pasadas xa as 13 horas comezaba a competición das bandas de gaitas do 1º grao no que a do Concello de Xinzo de Limia (OU) se proclamaba campioa seguida por El Gumial (AS). Nesta categoría tamén competían a Real Xuvenil e o Concello de Verea.

 

Xosé Lois Foxo dando as grazas aos asistentes.

 

A maiores dos premiados, todas as bandas recibían o seu diploma e un detalle por participar, no acto que tiña lugar inmediatamente despois da ofrenda floral ante monumento de Don Gabino García (ex alcalde de Manzaneda e promotor do certame), ao son do Himno de Galicia interpretado pola Real Xuvenil. Na entrega de premios, acompañando aos gaiteiros, estaban os representantes dos concellos (os alcaldes de Manzaneda, Amable Fernández; O Bolo, Manuel Corzo; Vilariño de Conso, Melisa Macía; e o concelleiro de Cultura de Quiroga, José Luis Rivera), ademais do vicepresidente da Deputación César Fernández; o director da estación, Víctor Picos; a deputada provincial, Luz Doporto; e a concelleira de Cultura de Manzaneda, entre outros.

O acto remataba coa interpretación conxunta do Himno do Antergo Reino de Galicia por parte de todas as bandas participantes, despois de entregar o testemuño do certame para a vindeira edición, a XIII, cuxa primeira fase será en Viana do Castelo (Portugal) en Semana Santa de 2022.

Aínda que os actos da Festa da Bica foron suspendidos polo aumento de casos de Covid no concello trivés, o doce postre non faltou á cita en Cabeza de Manzaneda. Tampouco faltou o pulpo á feira para quen quixo comer un pincho.

 

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button