ConcellosÚltima horaVilamartín

As mulleres rurais de Córgomo embelecen o pobo en homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán

 

O vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, Florencio Delgado Gurriarán e a súa aldea natal serán os grandes protagonistas, pero xa antes se van sucedendo as actividades para render homenaxe ao poeta valdeorrés.

 

 

Un exemplo témolo precisamente en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) que ese día lucirá en todo o seu esplendor, grazas en boa medida á Asociación de Mulleres Rurais que poñen o seu gran de area, a través dun proxecto que están levando a cabo para decorar a vila. Tal como explica a presidenta da asociación, Soledad Figueroa, “trátase dunha iniciativa que chamamos ‘Córgomo e Florencio, un pobo e un poeta de viño’, e consiste nun obradoiro de pintura para decorar botellas de viño con debuxos variados e letras de títulos de poemas e versos do poeta, para despois colgalas polo pobo adiante”.

 

 

 

O obradoiro comezaba na antiga escola de Córgomo na tarde do 12 de marzo e tras semanas de traballo (limpando as botellas, facendo os deseños, pintándoas,…), na tarde deste sábado 30 de abril comezaban a colocalas, de forma estratéxica, nos lugares máis emblemáticos do pobo. Uns días antes, nesta mesma semana, tamén repartían flores así como o utro tipo de detalles que dan vida e cor a vila que viu nacer a Florencio.

 

 

 

“Imos colocando pouco a pouco”, di Soledad Figueroa, recoñecendo que contan coa colaboración dos veciños de San Vicente, do Concello de Vilamartín e tamén da Comunidade de Montes Río Farelos e Porqueira. “É digno de agradecer a todas as mulleres da asociación e a todos os veciños e entidades que colaboran todo o que fan, sen eles non sería posible”.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella e cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button