SanidadeÚltima hora

As obras do Hospital de Verín avanzan coa cimentación do novo edificio e a instalación de 650 paneis fotovoltaicos

A instalación dos paneis vai precedida do traballo de renovación do illamento térmico da cuberta de todo o hospital

 

As obras de ampliación e mellora do Hospital de Verín continúan a bo ritmo, coa instalación na cuberta de parte dos 650 paneis fotovoltaicos previstos, que tamén se situarán no novo edificio de urxencias, como parte da mellora en prol da eficiencia enerxética, que se complementa co illamento térmico das terrazas.

En paralelo, avanzan os traballos de construción do novo edificio, de 1.488 metros cadrados, co hormigonado da cimentación desta ampla e moderna extensión, que quedará unida ao hospital para acoller aos servizos de urxencias, tanto hospitalarias como de atención primaria, gañando en accesibilidade e funcionalidade, aumentando ademais o espazo dispoñible para a atención sanitaria deste distrito sanitario.

Nas obras, que se desenvolven cun horizonte de once meses, a Xunta de Galicia invirte 3.9 millóns de euros que permitirán ademais de ampliar o espazo dispoñible para asistencia, integrar o centro na estratexia do Servizo Galego de Saúde cara á mellor optimización enerxética, na liña de sustentabilidade e coxeneración con fontes alternativas ao combustible fósil, iniciativa na que Galicia está a ser un referente a nivel europeo.

A continuidade dos traballos previstos pola empresa adxudicataria, Elecnor Servizos e Proxectos SAU, é rematar nos vindeiros días a cimentación para comezar coa planchada, en paralelo, continuarase traballando na renovación do illamento da cuberta, previamente a instalar os paneis, asi como da nova enfriadora.

Accesibilildade e funcionalidade

Grazas a súa configuración, de planta baixa e conectado ao resto do hospital, o novo edificio mellorará a accesibilidade das urxencias da poboación da bisbarra, centralizadas desde anos no hospital tanto o Punto de Atención Continuada (PAC) atendido polo persoal de Atención Primaria, e o Servizo de Urxencias, polos profesionais do hospital comarcal.

O novo edificio esta proxectado especificamente para acollelos o que permitirá mellorar a súa funcionalidade e coordinación, cunha distribución á medida da súa actividade, xerando distintos circuítos para a atención dos pacientes. Ademais, o seu deseño inclúe, por vez primeira nun area de urxencias, un dobre circuíto para a atención aos pacientes con sospeita de infección respiratoria.

Unha das principais vantaxes da ampliación, mediante a construción dun novo edificio axunto, é que as obras non afectarán apenas á actividade diaria, xa que non será preciso trasladar provisionalmente ningún servizo, ou acometer obras de adaptación, habituais nas reformas hospitalarias, xa que só se procederá ao traslado dos servizos unha vez rematado.

Outra das vantaxes é que o novo edificio de Urxencias disporá dun acceso exclusivo, a nivel de planta baixa, cunha área de acceso de vehículos, para recoller ou achegar pacientes, e estacionamento propio.

 

 

Distribución práctica

Na entrada situarase a Admisión e o Triaxe, para facilitar a atención do paciente no PAC ou Urxencias. O PAC, terá dúas consultas médicas e unha de enfermería, comunicadas e próximas ao acceso, e unha consulta de atención a sospeitas de infección respiratoria, con sala de espera con aseo exclusivos.
Pola súa parte o Servizo de Urxencias contará con dúas consultas polivalentes, unha sala de curas e seis boxes. Deles, un de maiores dimensións para a atención a pacientes críticos e outro, con aseo e espazo previo, para facilitar o illamento de pacientes con sospeita de infección.

O novo edificio hospitalario contará tamén cunha sala de observación 24 horas, sala de traballo médico, sala de reunións, farmacia, sala de pre-alta, despacho de información a familiares, dormitorios de persoal e outros espazos de apoio. Asemade, a área de persoal estará separada da zona de atención a pacientes, cun acceso rápido aos puntos de atención.

Artigos relacionados

Back to top button