SanidadeÚltima hora

“Código Fístula”, un xeito de reducir o tempo entre a trombose e a súa revascularización ante posibles complicacións de pacientes en diálese

O conselleiro de Sanidade anunciaba en Ourense a creación deste modo de actuación do IX Congreso da Sociedade Galega de Nefroloxía

 

Durante a inauguración do IX Congreso da Sociedade Galega de Nefroloxía, celebrado este venres en Ourense, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirmaba a creación do “Código Fístula” por parte do Servizo Galego de Saúde. Con el, deséñase un modo de actuación ou vía rápida para diminuír o tempo entre a trombose e a súa revascularización, por mor das complicacións que poden xurdir nos pacientes que se atopan en hemodiálise e sofren a trombose da fístula arterio-venosa, segundo o Sergas.

Coas súas palabras, Comesaña quixo “recoñecer o compromiso e liderado da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras porque conformaron o grupo inicial desde o que se desenvolveu todo este proxecto, que se transferirá ao resto de Galicia”.

A área ourensá encabezou tanto o deseño do Código Fístula como a elaboración do Proceso Asistencial Integrado (PAI) da Enfermidade Renal Crónica (ERC) que inclúe un algoritmo co que detectar precozmente a enfermidade.

No que respecta a transplantes, o Sergas alcanzou no ano 2022 a cifra de 128 doantes de órganos, o que propiciou que se realizasen 296 transplantes nos hospitais galegos. En canto á especialidade da nefroloxía, 151 foron transplantes de ril, mentres que en 2021 os transplantes deste órgano foran 140.

Extensión da teleasistencia

Na liña de facilitar a asistencia sanitaria aos pacientes, o Sergas promove a ferramenta TELEA de teleasistencia a domicilio e fai un seguimento diario a máis de 9.000 pacientes crónicos. Deles, en canto á nefroloxía, a plataforma TELEA emprégase actualmente na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte con 12 persoas que dispoñen de diálise domiciliaria, con seguimento automatizado conectado ao propio equipo de diálise. Así, está previsto estender esta atención a domicilio ao resto das áreas sanitarias galegas e a todos os equipos de diálise conectables.

Igualmente, as sete área sanitarias teñen habilitada a e-interconsulta ao Servizo de Nefroloxía coa que, entre outras cousas, reducir as derivacións hospitalarias ao mellorar a comunicación entre os profesionais de atención primaria e hospitalaria.

Artigos relacionados

Back to top button