A primeira mención ao viño nas terras da Ribeira Sacra é das máis temperás de Galicia, sendo no ano 876 cando varios fieis doan ao mosteiro de Santa Cristina unhas viñas da comarca de Lemos, concretamente dos lugares de Barantes e Bolmente, a cambio de misas “polo seu descanso eterno”. Esta podería ser unha das primeiras alusions ao viño en Galicia, aínda que a data desta cita está discutida por algúns autores.
Así o explicará o vindeiro venres 22 de novembro ás 20h. o medievalista Víctor Rodríguez Muñiz na conferencia que impartirá no Pazo de Tor (San Xoán de Tor, Monforte de Lemos) sobre o viño da Ribeira Sacra neste periodo cronolóxico. Esta ponencia enmárcase nun ciclo sobre a cultura do viño organizado polo Museo do Viño de Galicia, en colaboración coas denominacións de orixe galegas. Neste caso será coa D.O. Ribeira Sacra.
Rodríguez Muñiz analizará na súa intervención as referencias documentais sobre a orixe da viticultura medieval no territorio da Ribeira Sacra, máis alá dos tópicos e das diversas mitoloxías estendidas sobre o tema. “En Galicia descártanse os ciclos despoboación-repoboación tras a presenza musulmá”, segundo este investigador, “e máis alá que unha reintroducción tras o periodo islámico, o que se da é unha articulación das viñas en torno aos mosteiros”.