O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, puxo en valor o espírito de concordia da Constitución Española para avanzar cara unha España máis igualitaria, social, sostible e verde. Así o expresou durante o acto de conmemoración do 43º aniversario da Constitución Española, celebrado na mañá deste 6 de decembro no Auditorio Municipal de Ourense.

O subdelegado do Goberno subliñou o espírito de concordia da Carta Magna como a mellor garantía para lograr a recuperación tras a pandemia. “Novamente imos ser capaces de facer que este desafío se converta nunha oportunidade de saír reforzados, cuns servizos públicos máis fortes e cunha economía preparada para os grandes retos que veñen por diante, impulsando á vez as grandes transformacións que debe afrontar o noso país e contando co impulso decidido da Unión Europea”.

No seu discurso, Emilio González recalcou que a Carta Magna de 1978 foi froito dun consenso amplo, “pero cheo de matices que son reflexos da pluralidade e da diversidade sobre a que se construíu a España que coñecemos hoxe”. Así mesmo, indicou que a Constitución “fixo do noso un país moderno, tolerante, con bos servizos públicos e converteunos nunha democracia plena e nun referente internacional en moitos ámbitos”. “Dende a Constitución avanzamos no estado autonómico, derrotamos ao terrorismo, superamos as consecuencias de escenarios económicos adversos”, sinalou. Por iso, subliñou que a Carta Magna non debe ser obxecto de apropiación partidista, “pois pensar ou ver de xeito diferente o presente e o futuro non é só unha opción nunha democracia consolidada, senón algo imprescindible para o avance”. “Avanzar xuntos, nas nosas diferenzas e nos nosos acordos, debe ser o noso horizonte para lograr unha España mellor e máis xusta nesta etapa de recuperación”, recalcou.

Durante o seu discurso, Emilio González tivo un recordo especial para as ourensás e os ourensáns que faleceron a causa da COVID-19 e quixo transmitir “toda a miña solidariedade e o meu cariño ás familias que sufriron esta enorme perda”.

Durante o acto procedeuse á entrega dos premios da 37ª edición do Concurso da Constitución Española, e tamén os recoñecementos neste 43º aniversario da Constitución que foron outorgados ás forzas e corpos de seguridade da provincia que formaron parte do Centro de Coordinación establecido na Subdelegación do Goberno con motivo da pandemia do Covid-19. Emilio González agradeceu o esforzo e dedicación dos diferentes corpos policiais e destacou que “a través das súas actuacións e operativos de coordinación contribuíron de forma exemplar a salvagardar a saúde e a seguridade da cidadanía de Ourense, axudando a minimizar a expansión do virus na provincia”.

Así, outorgáronse distincións á Garda Civil; á Policía Nacional; á Unidade da Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia; e ás policías locais dos concellos de Ourense, O Carballiño, Verín, O Barco de Valdeorras, Barbadás, Xinzo de Limia, Celanova, Ribadavia, A Rúa, Maceda, Viana do Bolo e Allariz. No caso do Barco, o encargado de recoller a distinción foi Fernando Lozano; no da Rúa, Jorge Sixto; e no de Viana, Mariano.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.