Os arquitectos Carlos Quintáns Eiras e Zaida García Requejo veñen de impartir neste 23 de outubro a conferencia “Extracción, unha mirada desde a lousa” na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña. Ambos trataron de achegar aos asistentes a importancia das canteiras de lousa como lugares artísticos cuxa importancia debe poñerse en valor.
“Normalmente só consideramos a parte final, o material extraído, que é o que sae nas fotografías, pero estamos a esquecernos de que para que nós podamos realizar calquera tipo de construción, producimos unha extracción ou baleiramos nalgún outro lugar do mundo”, indicaba Quintáns, engandindo que “a extracción xeralmente está asociada a termos negativos” quizais porque “é un traballo duro” e convértese nun “proceso oculto”. Pero tamén explicou que a pesar de que “durante moito tempo estes lugares non se debuxaron nin fotografaron”, é certo que “cada vez hai máis interese por coñecelos” e que “aos poucos, os fotógrafos profesionais están a mirar cara á orixe, cara ás canteiras”.
As minas, espazos impresionantes baixo terra
A conferencia ofrecida polos dous arquitectos, expuxo as razóns polas que a tendencia está a cambiar, para seguir apostando por recuperar estes espazos para a arte e a cultura. “Hai que pensar que é moito máis potente o espazo que os fragmentos que se extraen de alí para elaborar outras cousas” explicou, expondo a necesidade de “intervir en determinados lugares para que o traballo do home poida valorarse”.
En concreto, ademais das canteiras a ceo aberto están “as minas de lousa que se atopan na zona de Valdeorras, que son espazos impresionantes que unha vez pechados deberían pensarse como lugares de experiencia sensorial, mesmo como museo”.
Os arquitectos son os autores do proxecto “Lousa. Recuperación en zonas con procesos de extracción”, concibido para dinamizar turisticamente os activos paisaxísticos ao redor desta roca, na comarca de Valdeorras, promovido polo Clúster da Pizarra de Galicia e apoiado polo Concello de Carballeda de Valdeorras, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta, e a Deputación de Ourense, e que resultou finalista na categoría de Investigación e Difusión dos Premios da Bienal Española de Arquitectura e Turismo (BEAU).
Visita a Valdeorras
Seguindo as directrices marcadas polo novo Plan de Promoción do Clúster da Pizarra de Galicia, tras esta conferencia, o vindeiro venres día 25 de outubro, un grupo de estudantes da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, visitará varias explotacións e naves do sector en Valdeorras.