CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

As relacións interxeracionais e o coidado dos animais, nas actividades da Ludoteca de Verín

Os menores visitarán o Centro de Día municipal Solleira de Verín e traballaran coa protectora de animais de Verín a concienciación do sector infantil sobre temas como os malos tratos ou o abandono animal

Publicidade

 

Os rapaces da Ludoteca municipal de Verín participarán en importantes xornadas temáticas este mes de agosto. As primeiras serán as “xornadas interxeracionais” nas que se pretende dar protagonismo ás persoas maiores ou con máis experiencias e coñecementos, e aportar aprendizaxes beneficiosas para a cativada. Por outra banda, tamén realizarán un encontro con Proanimales, a protectora de Animais de Verín.

O obxectivo das xornadas coa terceira idade “é favorecer e visibilizar a importancia das relacións solidarias entre as distintas xeracións e promover actividades que favorezan a convivencia e o contacto entre os maiores e os máis novos. Pretenden ser unhas actividades lúdicas, participativas e ao aire libre”, explican dende o Concello de Verín.

As sesións veñen organizadas pola Oficina Municipal de Información Xuvenil e Consumo, xunto coa área de maiores dos Servizos Sociais e tamén co Centro de Día municipal Solleira de Verín. Dende aí, dan conta da “importante contribución que realizan as persoas maiores á nosa sociedade e destacaron as fortalezas deste colectivo fronte á imaxe estereotipada que se ten dos maiores”.

Devanditas actividades terán lugar na Praza da Alameda. Por idades, o día 4 estarán os maiores de 6 anos; o mércores día 10, estarán os de 4 e 5 anos e o día 12, será a quenda dos nenos e nenas de 3 anos. Serán grupos de 30 nenos e nenas. Realizarán actividades como a Petanca, xogos con globos de auga, percorrido con obstáculos, recoller botella con fío, …

Noutro eido, o encontro coa Asociación Protectora de animais de Verín farase o martes día 9 de agosto. Nel, os menores da ludoteca traballarán a concienciación do sector infantil sobre temas como os malos tratos ou o abandono animal. Trátase dun taller co fin de achegar o coñecemento sobre o que implica ter unha mascota como cans, gatos ou outro tipo de animais. Os cativos poderán, ademais, pasar un tempo cos peludos habitantes da Protectora.

Artigos relacionados

Back to top button