En portadaÚltima hora

As rutas culturais da Universidade de Vigo achegaranse ao legado romano de Larouco

a segunda das andainas deste curso académico será a Ruta Romana do Viño, previta para o 5 de novembro

Lagares rupestres incluídos na ruta./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

As rutas culturais da Universidade de Vigo recalarán o vindeiro sábado 5 de novembro en Valdeorras. Será coa realización da Ruta Romana do Viño no municipio de Larouco. A inscrición está aberta á comunidade universitaria, que ten preferencia, e á cidadanía en xeral.

A programación destas rutas, promovidas pola Área de Área de Benestar, Saúde e Deporte da UVigo, arrancou o pasado 25 de outubro coa Ruta Foz do Lima, Cabedelo e Ribeira de Anha (Viana do Castelo, Portugal). Agora a segunda das andainas deste curso académico será a Ruta Romana do Viño, con 18 quilómetros de percorrido e dificultade media, preséntase como unha andaina “para saborear as tinguiduras mediterráneas das paisaxes de Larouco” pois, sinalan os responsables da actividade, “os antigos romanos xa souberon sacar desta terra o gran viño que aínda hoxe caracteriza o lugar, coas tradicionais covas escavadas no subsolo”. A actividade inclúe unha cata de viños. “Será unha andaina moi diferente á primeira, andaremos por unha paisaxe encantadora, de viñedos e montes. Eu creo que vai a gustar moito”, sinala García-Calvo.

Inscrición

A información de cada ruta e a inscrición realízase a través do Campus Activo da UVigo. Os prezos oscilan en función do colectivo de pertenza de cada persoa, habendo ademais a posibilidade de bonos. Está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada ruta.

No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores á andaina permitirase a inscrición de calquera persoa interesada. Para cada roteiro haberá autobuses que trasladen ás e aos participantes dende cada un dos tres campus da Universidade de Vigo (Vigo, Pontevedra e Ourense) ao inicio do percorrido e de regreso. Todos os itinerarios para GPS poderán descargarse, xunto coas fotografías de cada ruta e toda a información complementaria, no blog destes roteiros universitarios.

Novas citas

Seguindo a programación de roteiros universitarios, o 26 de novembro terá lugar a Ruta Cabo Udra (Bueu, Pontevedra). Por último, o 17 de decembro celebrarase a cuarta andaina cultural deste cuadrimestre, que leva por nome Sicenata Pacata. Ruta do Castelo de Parada (Pereiro de Aguiar, Ourense). De dificultade media e 19 quilómetros, neste roteiro na entrada da Ribeira Sacra do Miño, “camiño polo que discorreron persoas e mercadorías dende hai miles de anos”, indican desde a súa organización, “cada pedra agocha unha mensaxe aínda sen descifrar”. A actividade inclúe iniciación á micoloxía e un magosto festivo ao rematar.

Artigos relacionados

Back to top button