OurenseÚltima hora

As sementes do Castro de Trelle, unha aproximación aos comezos da agricultura na provincia

Estes restos arqueolóxicos serán a “Peza do Mes” de outubro do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Presentarase nun acto previsto o 10 de outubro ás 20h. en San Francisco
Sementes do Castro de Trelle e restos cerámicos./ Foto: Fernando del Río/Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

 

Entre os concellos ourensáns de Toén, Cartelle, Barbadás e A Merca atópase o castro de Trelle. Dende este xacemento, que nunca foi escavado, avístase un extenso territorio, sobre todo cara Castromao e Santa Ádega. No 2017 o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense recibía unha doazón procedente dese asentamento e formada por catro anacos cerámicos, correspondentes a dúas vasillas, e uns grans de trigo. Estas antigas sementes serán a “Peza do Mes” de outubro deste museo.

“Os grans de trigo (ao redor de medio centenar) apareceron calcinados, soltos e incluídos nunha masa arxilosa, xunto a carbóns vexetais e anacos de cerámica castrexa, lisa”, segundo recolle o investigador Vicente Rodríguez Gracia, na publicación adicada a este conxunto de restos. El será precisamente o encargado de presentar esta peza no acto previsto para o vindeiro 10 de outubro ás 20h na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense).

Estas sementes da época castrexa falan das orixes da agricultura na provincia. O seu avance “cara ao noroeste peninsular realízase dende Portugal”, explica Rodríguez Gracia na citada publicación do museo. Ademais subliña que nos castros galegos (aínda que si nos portugueses) non aparecen sementes de vide (Vitis) nin de liño (Linum), nin tampouco de froitos nin sementes de faia (Fagus), castiñeiro (Castanea) nin de piñeiro (Pius), aínda que si hai numerosos poles destes vexetais nos diagramas da época”.

Os grans atopados no castro de Trelle son de Triticum, “moi posiblemente a T. aestivum spelta (hexaploide). Non puidemos efectuar unha determinación máis precisa por carecer dos instrumentos biométricos adecuados”, matiza Rodríguez Gracia.

Artigos relacionados

Back to top button