CulturaCulturaEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

As subxugantes marionetas da barquense Lola Doporto, no Centro Cultural Marcos Valcárcel

Unha retrospectiva da súa pintura, baixo o título "Saudade de Soños", poderá visitarse na cidade de Ourense ata o 21 de novembro

 

É unha sala de exposicións que coñece moi ben. Moitas son as mostras que Lola Doporto ten visitado no Centro Cultural Marcos Valcárcel, en Ourense. “Sempre que ía pensaba e se algún día puidera expoñer aquí… E ese día chegou o 7 de outubro e foi moi importante para min”, conta emocionada esta pintora de Millarouso (O Barco), cuxa obra, reunida baixo o título “Saudade de Soños” poderá desfrutarse ata o vindeiro 21 de novembro no citado Centro Cultural da Deputación, na cidade de Ourense.

Trátase dunha retrospectiva de 38 cadros (de diferentes técnicas e formatos) cun título moi simbólico. “Saudade vai como homenaxe a Rosalía de Castro, porque é unha palabra que ela utilizaba moito e porque alude á melancolía, ás vivencias. Son moitas as frases desta poeta que podería citar, pero hai unha moi especial Só a lembranza de onde veño, axúdame a ir cara onde vou“, explica Lola Doporto. “E o de soños é porque agora estanse cumprindo diferentes soños”, engade.

Esta colección exposición amosa as súas diferentes etapas como creadora de Doporto ao longo de 7 anos, cun estilo moi especial e recoñecible, no que a referencia central son as marionetas. “Vendo as obras poden descubrirase os momentos persoais polos que pasei, polo cor, o estilo, as miradas… son moi distintas, pero o conxunto da pintura segue sendo chamativo e recoñecible”, asegura a artista.

E ademais sopresas. Entre os elementos expostos que máis impactan hai dúas figuras, de máis de 1,70 m: dúas marionetas que trascenden o plano do cadro para compartir o do espectador e interaccionar directamente con el. Están elaboradas coa técnica de relevo e óleo sobre poliespan, cunha roupaxe deseñada pola propia Lola Doporto e cosida pola súa amiga Conchi Puga.

 

Foto: Rufino.

 

Esta é a segunda mostra de Lola Doporto en Ourense en apenas tres meses , tras “Marionetas”, no Espazo de Arte de Roberto Verino. “Saudade de Soños” inaugurábase na tarde do 7 de outubro cun acto que contaba coa presenza de diferentes autoridades, entre elas o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, quen destacaba que “a pintura de Lola Doporto, chea de marionetas, paxaros ou touros, amosa cada día un maior vitalismo e transmite unha enerxía especial”; ademais do director do Centro Cultural da Deputación, quen aseguraba que a pintora “cobre un oco moi importante dentro da filosofía e do plantexamento cultural deste centro” e supón tamén “unha mirada especial cara a provincia”.

Nesta inauguración tamén interviñan, ademais da pintora, un membro da directiva do Instituto de Estudos Valdeorreses, Sherezade Núñez, quen confesaba que descubría os cadros de Lola Doporto na súa primeira exposición, no escaparate de Miranda Moda (dentro do proxecto MirArte) no Barco, no ano 2016. “Esas perspectivas, esas miradas, esas cores, eses múltiples enfoques… son os que lle van asegurar o éxito ao longo da súa carreira. Lola Doporto ofrece algo moi típico dos artistas de gran calidade, que é darlle a oportunidade ao espectador de recoñecer e de recoñecerse nas súas obras, de interpretar e de interpretarse e iso é grazas ao ideario que Lola vén creando ao longo da súa traxectoria”. Resaltaba ademais que esta creadora é “unha embaixadora excepcional de Valdeorras, con características como calidade, profesionalidade, perserverancia, constancia e esforzo”.

 

A pintora intervindo no acto inaugural./ Foto: Rufino.

 

No acto tamén tomaba a palabra un dos autores dos textos do catálogo, J.A. Porto, marido da pintora, quen resaltaban que “o que Lola pinta ten que ver co sentimento” e que as obras retratan “claramente na cor ou na actitude, o momento polo que ela pasaba ao pintalo”. Nese catálogo tamén se inclúen colaboracións do presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses, Aurelio Blanco, que alude aos motivos os que Doporto xoga nos seus cadros “monicacos articulados, cuxos fíos move con arte e destreza a valdeorresa”.

Pola súa banda Tareixa Taboada escribe no catálogo que os “universos extraños” da autora, indicando que “esta colección sorprende ao espectador polos actores convertidos en protagonistas das obras, unhas marionetas con carga de pasado, memoria autobiográfica e narración surrealista que, como na obra de Giorgio de Chirico, enturbia un inquientante halo de misterio a linguaxe encriptada, coñecida como pintura insolitamente metafísica”. E conclúe que a pintura desta barquense “corresponde ao triunfo da nova sensibilidade fronte á estereotipada pintura tradicional”.

 

 

Numerosas persoas, moitas delas chegadas dende Valdeorras, arroupaban á Lola Doporto e á súa familia no acto inaugural de “Saudade de Soños”, que amosaba o seu agradecemento polo apoio e pola oportunidade de expoñer no Centro Cultural da Deputación.

Marionetas, xunto con multitude de paxaros e mesmo touros, son entes protectores da pintora nesta andaina vital e creativa, referentes do seu universo plástico que se move entre o inquietante e o onírico. Nel a música tamén cobra protagonismo con series como a dos gaiteiros. “É unha colección que nace como homenaxe a eses músicos populares e rurais, que antes ían de aldea en aldea, e aos que non se lles daba moita importancia. Hai un cadro en concreto ao que lle puxen o nome de O Penelo, que era un gaiteiro de Sober que facía a ruta Ourense-Astorga en tren, tocando a gaita. E xunto ao cadro púxose unha cantiga que fai referencia a el”, matiza Lola Doporto.

 

Un dos cadros da serie de gaiteiros./ Foto: Rufino.

 

“Penso que é unha obra que emociona no seu conxunto, que emociona como a min me emociona ver a obra doutros artistas consagrados. Por iso sinto moi orgullo ao ver os cadros nesta sala, é o traballo de moitos anos, e velo exposto aí supón un desfrute total para min, é unha emoción que non se pode describir”, asegura Lola Doporto. E conclúe que o máis valora cando expón é “a mirada da xente cando mira os cadro, que os mire como eu o imaxinei, que observen as marientas como elas nos observan a nós”. Unha emoción que atrapa ao público nada máis entrar na sala e da que poderá gozarse ata o vindeiro 21 de novembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Fotos: Rufino.

 

Lola Doporto coa súa familia, no exterior do Centro Cultural da Deputación.

Artigos relacionados

Back to top button