DeportesGalerías de fotosÚltima hora

As terras de Viana, Valdeorras e Trives, protagonistas da etapa 11 da Volta a España 2018

Alessandro De Marchi (BMC Racing Team), vencedor da etapa entre Mombuey e a Ribeira Sacra ourensá

Cun percorrido de media montaña de 207,8 kilómetros entre Mombuey (Zamora) e Luíntra (Ribeira Sacra), a de hoxe (mércores 5 de setembro) era a etapa máis longa desta edición da Volta a España e tamén das máis rápidas, atravesando ao seu paso as comarcas de Viana, Valdeorras, Trives e Caldelas.

Os 170 ciclistas que compiten na ronda española (seis abandonaron a carreira nas últimas etapas), tomaban, pasadas as doce do mediodía, a saída dunha das etapas que pola dureza do trazado e a fermosura da paisaxe entre viñedos da D.O. Valdeorras, prometía ser unha das raíñas e non defraudou. A primeira metade foi moi dura, a unha media de 48km/h despois de dúas horas de etapa con dous portos puntuables (o de Padornelo e o do Covelo, no concello do Bolo, de 3ª categoría) e con constantes ataques que se foron sucedendo durante máis de 100 kilómetros, ata que se consolidou o grupo de 19 corredores que formaron a fuga do día.

Ata en tres tandadas pasaban os ciclistas polo centro de Larouco, un dos concellos valdeorreses que viviu este ano de forma intensa a proba ciclista internacional. Na escapada definitiva estaba o francés Thibaut Pinot (Groupama-FDJ), converténdose nunha ameaza para o asalto ao liderato, xunto a outros escaladores como Bauke Mollema (Trek-Segafredo), Rafal Majka (Bora-hansgrohe), Omar Fraile (Astana), Sergio Henao (Team Sky), Nicolas Roche (BMC Racing Team) e Pierre Rolland (Education First-Drapac).

 

Os escapados da etapa 11 da Volta 2018 ao seu paso por Larouco.

 

Cando o grupo superou os 4 minutos de vantaxe, preto do Alto do Trives (2ª categoría), o terceiro porto da xornada, o Movistar Team comezou a traballar o control na cabeza do pelotón. O equipo de Valverde e Quintana, segundo e terceiro na xeral, logrou afastar o perigo do liderato chegando ao porto final, o Alto do Mirador de Cabezoas (3ª categoría). Alí Alessandro De Marchi (BMC Racing Team) e o colombiano Jhonatan Restrepo (Katusha-Alpecin) demostraron ser os corredores máis fortes da fuga. E xa nos últimos 5 kilómetros de etapa, o italiano De Marchi ganador de etapa nas edicións de 2014 e 2015 da Volta, marchaba en solitario rumbo ao seu terceiro triunfo parcial na meta, en Luíntra (Nogueira de Ramuín) pasadas as cinco da tarde. Simon Philip (Mitchelton Team) mantense como líder da clasificación xeral.

A esperada estapa ourensá da Volta 18 chegou e pasou, deixando un bo sabor de boca nos afeccionados que a pé de rúa puideron animar e aplaudir aos ciclistas, ao paso polos seu pobo ou municipio.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis fotos: https://osil.info/a-volta-en-terras-trivesas/

https://osil.info/valdeorras-vive-a-volta-18-ao-seu-paso-por-larouco/

Artigos relacionados

Back to top button