OurenseÚltima hora

As torres de San Martiño e das Campás, e a fachada occidental da Catedral de Ourense serán restauradas

Unha vez adxudicadas, as obras terán unha duración máxima de seis meses

Vén de aprobarse a licitación das obras de conservación e mellora de diversos ámbitos da Catedral de Ourense, que inclúen a fachada occidental, o nártex, as torres de San Martiño e das Campás e dous patios laterais delimitados pola nave central, as naves laterais, a zona do coro e as torres. A Xunta vén dface facer oficial que investirá, en cofinanciación co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, 394.000 euros.

Unha vez adxudicadas, as obras terán unha duración máxima de seis meses e con elas solucionaranse algunhas das patoloxías prioritarias do templo, de cara a evitar un maior deterioro deste, permitir a súa utilización e mellorar cuestións relativas á visibilidade dos seus elementos patrimoniais singulares.

 

Catedral de Ourense.

 

Intervención na fachada occidental

Ao respecto da fachada oeste, ademais da reposición de faltas e os traballos de limpeza, preconsolidación, consolidación e selado, desmontarase e retirarase unha trazaría de pedra do século XVI, trasladándose para a súa exposición nun lugar axeitado, e procederase á desmontaxe dunha vidreira colocada no século XX no rosetón do corpo superior.

Polo que respecta á trazaría pétrea afecta fisicamente e impide a correcta lectura da decoración románica do pórtico exterior da fachada, xa que interrompe, á altura da cintura a contemplación das figuras que o compoñen.

Ademais, procederase á desmontaxe dunha vidreira contemporánea situada no rosetón do corpo superior, ao entenderse que conta cunha “presenza excesiva” debido aos perfís de aluminio que a definen. Deste elemento almacenaranse aqueles vidros que se consideren de interese.

Posteriormente, procederase á instalación dunha nova carpintería de latón na que a Diocese de Ourense instalará a nova vidreira.

Actuacións no nártex e torres

No nártex, acometerase a substitución da iluminación do Pórtico do Paraíso por unha iluminación que mellore o impacto visual das existentes e a súa eficiencia enerxética; restauraranse as portas de madeira de acceso e realizaranse dúas catas na base da torre das Campás para “investigar a orixe das humidades presentes nesta zona”.

Polo que respecta á torre de San Martiño e a torre das Campás, realizarase unha limpeza e rexuntado xeral das mesmas; acometerase a restauración ou substitución das carpintarías, procedéndose á protección dos ocos e, ademais, naqueles lugares con cornixas e repisas susceptibles de filtración de auga ou acumulación de suciedade, colocarase unha chapa de cobre e medidas antiaves. Finalmente, nos patios laterais, substituirase a cuberta plana existente por unha cuberta invertida con acabado superficial de pedra granítica e realizaranse pequenas reparacións das carpinterías e da instalación eléctrica.

Artigos relacionados

Back to top button