CulturaCulturaÚltima hora

As Xornadas de Arqueoloxía, Prehistoria e Historia, apostan por valorizar o patrimonio da comarca de Monterrei

O catedrático da Universidade de Santiago e veciño do concello de Cualedro Antonio Rodríguez Colmenero, homenaxeado na cerimonia de apertura como recoñecemento a súa labor investigadora

 

“Xerar un espazo de diálogo entre especialistas, veciñanza e estudantes que permita dar a coñecer os diferentes proxectos de investigación que se desenvolven na zona. Un paso previo esencial para a súa transformación en recursos culturais e turísticos”, con este obxectivo princiapaban na mañá deste xoves no Hospital da Trindade de Monterrei as “Xornadas de Arqueoloxía, Prehistoria e Historia”, tal e como indicaba o seu director Martiño Xosé Vázquez, integrante do Grupo de Investigación GEAAT-UVIGO Martiño Xosé Vázquez.

Este encontro (promovido pola Universidade de Vigo e a Mancomunidade de Municipios da Comarca de Monterrei) reunirá ao longo de tres días a decenas de especialistas en diferentes materias, que percorrerán a comarca de Monterrei xunto con case medio cento de estudantes e veciños inscritos, co fin de compartir e visitar in situ os traballos realizados nos castros de Saceda, San Millao e Muro do Búbal. Presentaranse tamén os recentes traballos de posta en valor do Castelo de Lorbazán e os Lagares Rupestres de Oímbra. As xornadas inclúen visitas á necrópole de San Salvador de Roza en Medeiros e mesmo unha visita teatralizada ao Castelo de Monterrei.

Inaugurando as xornadas encontrábanse na mañá de hoxe a Decana da Facultade de Historia da Universidade de Vigo (Susana Reboreda) como promotora do encontro, e os alcaldes do Concello de Monterrei, Oímbra e Cualedro. José Luís Suárez, Ana Villarino e Luciano Cuquejo, respectivamente. Todos coincidiron na necesidade de seguir fortalecendo os lazos de colaboración entre entidades co fin de seguir investigando e poñendo en valor o territorio, empregando o Patrimonio Cultural como ferramenta de desenvolvemento local.

 

Homenaxe ao profesor Antonio Rodríguez Colmenero no inicio destas xornadas./ Foto: DUVI.

 

O momento máis emotivo do acto chegaría coincidindo coa conferencia inaugural do catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e veciño do concello de Cualedro, Antonio Rodríguez Colmenero, ao que se lle facía entrega dunha representación alegórica da Serra do Larouco obra do taller de artesanía MOA Allariz. Agasallo que recollía de mans do alcalde do municipio de Cualedro en agradecemento pola súa infatigable labor de investigación histórica e “por facer universal a nosa serra do Larouco”.

O inicio das xornadas facíase coincidir en data coa efeméride do nacemento do erudito Xesús Taboada Chivite, ao tempo que coa entrega do premio de investigación histórica que leva o seu nome e que impulsa a Mancomunidade de municipios de Monterrei. Galardón concedido na anualidade 2019 e que a situación sanitaria da Covid-19 obrigou a adiar no tempo ata o día de hoxe. O traballo seleccionado e publicado grazas ao respaldo económico da Deputación Provincial de Ourense é a obra “De señores, señoríos y medidas del país: cartografía metrológica de la Galicia Moderna”, do investigador Rubén Castro Redondo.

 

 

Para a presentación desta publicación achegábase ao encontro o Vicepresidente Segundo da Deputación Provincial de Ourense, César Manuel Fernández Gil, quen incidía na importancia de que pouco a pouco e con toda a prudencia posible “sexamos quen de ir recuperando estes espazos de encontro e diálogo. A cultura pode servirnos neste caso como ferramenta para recuperarnos dos momentos tan complicados que temos sufrido todos nestes anos de pandemia”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button