A música de raíz dará a benvida ao mes de agosto en Verín. Este xoves e venres, 1 de 2 de agosto, celebrarase a cuarta edición das “Xornadas de Música Tradicional Nova Era”, organizadas dende a Asociación de Música Tradicional de Monterrei e a Banda de Gaitas Nova Era co apoio do tecido hosteleiro da vila.
As xornadas, consolidadas xa na programación anual do municipio, preséntanse coma un encontro ao redor da música popular. “A música de raíz nace na comunidade: nos bailes, foliadas ou alboradas nas que toda a veciñanza facía parte. Con estas xornadas pretendemos crear ese espazo de encontro no que rompamos a barreira entre o público e os músicos. Toda a vila está convidada á folía”, din os promotores.
O xoves, 1 de agosto, as integrantes da Banda de Gaitas Nova Era organizarán unha sesión de xogos populares para as crianzas da vila. Nesta actividade participarán as ludotecas da Cruz Vermella, Portas Abertas e Concello de Verín. Esa mesma tarde os músicos da banda tamén visitarán o Centro de Día Solleira e O Fogar de Santa María onde as usuarias cantarán e bailarán ao ritmo das gaitas nunha foliada particular.
Un dos pratos fortes desta programación serán os Cantos de Taberna na tarde do venres, 2 de agosto. Candaira, Silveiras do Támega, Cantarela do Riós e Nova Era percorrerán as rúas ao redor da Praza Maior coas súas mellores cancións para ir reclutando bailadoras para unha Gran Foliada Popular na Praza Maior de Verín ao redor das 23.00h. Esta actividade, que comezará ao redor das 20.00h, conta coa colaboración do Bar 20 1⁄2, Viñoteca Gandainas, A Peixería, Botánico, Bar Praza, Tapería Rúa Maior, Casa Nela e Oh! Caruso.
As Xornadas Culturais Nova Era son unha das actividades coas que a Banda de Gaitas Nova Era traballa de xeito anual para achegar a música galega á veciñanza da comarca. Este ano a súa celebración coincide cos preparativos para o X aniversario da Banda, que no 2025 cumprirá unha década sobre os escenarios.
Os seus integrantes queren celebrar este fito co seu público e están argallando unha serie de eventos especiais que se prolongarán durante todo o ano. A primeira cita será o vindeiro 30 de agosto, coa estrea do documental “oriXes: dez anos de Nova Era”, enmarcado na programación do Festival Internacional de Curtametraxes Vía XIV.
Fotos: Nova Era.