O equipo xuvenil do Club Voleibol San Martiño, de Ourense, vén de lograr unha “verdadeira fazaña deportiva”, ao conseguir a medalla de prata do torneo internacional da xuventude AMB, celebrado en Espinho (Portugal) entre os pasados días 1 e 7 de xullo.”As rapazas do Dompa Volei realizaron unha competición case perfecta, conseguindo 9 vitorias consecutivas, mostrando un gran xogo para plantarse na gran final, onde non puideron completar o pleno fronte a un potente Manzanares, de Madrid, que non deu opción ao equipo ourensán”, aseguran dende o club.
Con respecto ao torneo internacional AMB Volleyball Cup de Espinho reuniu a máis de 131 clubs e 5.000 deportistas de países como Portugal, España, Irlanda, Polonia, Francia ou Estados Unidos, entre outros. Un dos rivais do Dompa foi “unha selección xuvenil de Estados Unidos, US Athletes, que puxeron en aprietos ás galegas pero puideron sacar adiante a vitoria que lle daría o pase ao grupo de ganadores da 3ª fase”.
As ourensás tamén competiron contra Madeira Torres (POR), AA Espinho (POR), AD Fénix Loule (POR), CV Torrelodones (ESP), Pacense (ESP), CA Madalena (POR) e SO Marinhense (POR), en unha categoría xuvenil feminina composta por un total de 52 equipos. “Un total de 10 partidos en 6 días fala da intensidade do torneo, que puxo a proba a resistencia do xove equipo que soubo aguantar e remontar nos momentos adecuados, pero chegou sen forzas á final”, din dende Ourense, asegurando que así e todo o resultado “é magnífico, e supón a mellor clasificación conseguida polo club con cualquera equipo en todas as edicións celebradas”. Un premio ao esforzo realizado polas xogadoras durante toda a tempada, levando un recordo inesquecible do torneo.