
Do 1 ao 3 de novembro terán lugar as XX Xornadas Micolóxicas do Club Montaña Trives. Pero terán un limiar que porá o acento de forma especial na gastronomía. Trátase dunhas masterclass de tapas micolóxicas no Restaurante La Viuda o día 21 de outubro para hostaleiros e o día 26 para o público en xeral (cun prezo de 10 euros).
Xa o 1 de novembro ás 18h. porase en marcha o V Concurso de tapa micolóxica coa participación de 12 establecementos de hostalaría: Boliche, Casanova, Quintela, O Lar de Alicia, Sky, San Martín, O Bodegón, A Cantina do Catro, Manolos, Oca Nova Manzaneda, O Paíño e O Pan da María. Cada tapa terá un prezo único de 1,50 euros e será valorada por sabor e presentación polo xurado popular. O concurso concluirá o 3 de novembro ás 15h. e ás 18h. farase un sorteo de agasallos entre o público participante na praza do Reloxo.

Antes, o 2 de novembro ás 9h. darase unha charla sobre micoloxía, a cargo da asociación Os Cogordos no auditorio trivés e ás 10h. sairase ao monte para recoller cogomelos. Logo, ás 14:30h. haberá xantar gourmet micolóxico no Restaurante A Viuda de Trives cunha entrada de 25 euros. E entre as 16h. e as 17h. entregaranse os cogomelos recollidos para a súa clasificación no patio da Casa Grande. Unha hora despois abrirase a súa exposición ata as 22h. Esta mostra tamén poderá visitarse ao longo do 3 de novembro.