SanidadeÚltima hora

Ascensión Pérez mantense á fronte da nova xunta de goberno do Colexio de Enfermería de Ourense

Saúde mental, enfermería familiar, obstetricia ou enfermería do traballo son algunhas das especialidades que dominan os profesionais que conforman este novo equipo, que vén de tomar posesión dos seus cargos

 

Neste martes 15 de xuño vén de tomar posesión a nova xunta de goberno do Colexio Oficial de Enfermería de Ourense tomou, despois de ser a lista proclamada como vencedora pola mesa electoral o pasado 10 de xuño. O proceso de eleccións nesta entidade colexial iniciouse o 8 de maio cando, en reunión ordinaria, a anterior xunta de goberno convocara eleccións ao cumprirse o seu mandato de cinco anos.

A lista que concorreu en tempo e forma a este proceso electoral foi a encabezada por Ascensión Pérez Sampayo, que revalida o seu cargo na presidencia da organización colexial. Xunto a ela, outras dezasete enfermeiras e enfermeiros sumáronse a este proxecto que ten como eixo central “o impulso da formación das/os profesionais da provincia, así como a loita polas melloras laborais, centrándose en especial na alta eventualidade que sofren as enfermeiras e enfermeiros no Servizo Galego de Saúde”, tal e como adiantan.

O acto de toma de posesión, presidido polo presidente do Consello Xeral de Enfermería de España, Florentino Pérez Raia, tivo lugar na sede colexial ourensá. Acompañaron aos novos membros da Xunta de Goberno a vicepresidenta I do Consello Xeral de Enfermería de España, Dna. Pilar Fernández; a directora de Enfermería da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Beatriz Cabanelas; a subdirectora de Enfermería de Atención Primaria na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Josefa Rodríguez; a presidenta do Colexio Oficial de Enfermería da Coruña, Inés López; a presidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Lugo, Lourdes Bermello, e a vicepresidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Pontevedra, Marisol Montenegro.

Despois dos saúdos iniciais, o presidente das enfermeiras españolas resaltou no seu discurso, a importancia deste acto “que é o primeiro que se celebra despois de que o Colexio de Enfermería de Ourense cumprise o seu centenario en 2020”, ademais resaltou «a capacidade de liderado e a súa enerxía demoledora “á hora de pelexar polas enfermeiras e enfermeiros da súa provincia” Ascensión Pérez Sampayo. “A paixón que pon sempre en todo o que fai e negocia, e a súa perseveranza absoluta á hora de loitar polo que considera xusto para os profesionais e os pacientes, coñecédelo dabondo todos os que aquí estades.

Pérez Raia destacou tamén que, “aínda que o ano que foi pola OMS Ano das Enfermeiras e as Matronas ao final foi o ano da pandemia, o labor desenvolvido por todos vós e vós, as enfermeiras, á hora de loitar contra esta tremenda pandemia que nos tocou vivir, foi sen dúbida a mellor campaña de imaxe posible. Os cidadáns coñecen hoxe mellor que nunca o labor esencial que realizamos en hospitais, residencias, centros sociosanitarios, centros escolares, centros deportivos, etc. Agora saben que non somos profesionais de segunda e que as enfermeiras salvamos vidas”.

Os dezaoito membros da nova xunta de goberno xuraron e prometeron o seu cargo no salón de actos Isabel Zendal do Colexio Oficial de Enfermería de Ourense, ante o Código Deontolóxico da profesión enfermeira e ante Florentino Pérez Raia, quen lles facía entrega das credenciais que avalan o seu cargo durante o próximos cinco anos.

Posteriormente, a vicepresidenta I do CGE de España, Pilar Fernández, tamén quixo ter palabras de parabén para a nova Xunta e desexarlle sorte “nesta nova etapa, que sen dúbida será moi frutífera por contar cun equipo tan plural e multidisciplinar”.

30 anos de xestión colexial

Ascensión Pérez Sampayo inicia hoxe o seu sexto mandato consecutivo como presidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Ourense e tal e como destacou durante o seu discurso de peche, “non é menos emocionante ou menos especial por repetir. Ao contrario, o proxecto que se inicia hoxe ten moita ilusión e vocación de facerse oír no resto de provincias”.

Pérez Sampayo é graduada en Enfermería e licenciada en Antropoloxía Social e Cultural pola Universidade de Murcia. Posúe varios máster en xestión da administración sanitaria e en investigación de coidados, sendo especialista en Enfermería do Traballo. Actualmente, desenvolve a súa carreira profesional como xefa de Negociado de Saúde Laboral na Deputación de Ourense.

Para esta nova etapa quixo contar con enfermeiras e enfermeiros que sexan especialistas en diversas áreas da sanidade, así como que coñezan diferentes unidades e servizos de hospitais e centros de saúde. Así, na nova xunta de goberno hai persoal de Urxencias, UCI, REA, Ambulancias, Quirófanos, Oncoloxía ou Atención Primaria; e especialistas en Saúde Mental, Enfermería Comunitaria e Familiar, Enfermería do Traballo, Enfermería Obstétrico-Xinecolóxica e a unha especialista en xestión sanitaria con ampla experiencia.

“É un grupo sólido, capacitado, que ten ganas de facer cousas pola profesión e ao que non teño palabras para agradecerlles que se embarcaron nesta aventura comigo, que confiasen en min, no proxecto e que estean aquí para representar e defender ás compañeiras e compañeiros”, asegura a presidenta.

Durante o acto sucedéronse os agradecementos á xunta de goberno saínte que puxo voz durante cinco anos ás distintas reclamacións das enfermería da provincia, especialmente desde o inicio da pandemia; así como tamén organizou os actos de celebración do primeiro centenario da organización colexial o mes de novembro do pasado ano.

Fotos: COE.

Artigos relacionados

Back to top button