Co obxectivo de fomentar a inclusión e visibiliza de persoas con discapacidade intelectual, derrubando as barreiras físicas e psicolóxicas da sociedade á hora de coñecer e facilitar a participación destas persoas na vida social e comunitaria, nacía a Marcha Ciclista Unificada para persoas con e sen discapacidade intelectual que organiza Special Olympics Galicia, por sexto ano consecutivo, e que este ano amplía o seu percorrido, chegando a localidades das catro provincias galegas.
A marcha comezará o vindeiro 4 de outubro coa primeira etapa pola localidade ourensá de Baños de Molgas (12 quilómetros), continuando ao día seguinte na provincia de Lugo, onde percorrerán a etapa entre Friol e Parga (19 quilómetros). O 6 de setembro a marcha chegará a Santiago de Compostela, nunha ruta que se desenvolverá polo centro da capital (13 quilómetros) e rematará o 7 de outubro en Vilagarcía de Arousa (13 quilómetros).
“En total, nas diferentes marchas, participarán 37 atletas con discapacidade intelectual, xunto cos clubs de ciclistas que tamén estarán na proba e os 20 voluntarios que haberá en cada ruta”, explicou Eladio Fernández na presentación á que tamén asistía entre outros, Amelia Blanco, presidenta da asociación Asfaval do Barco de Valdeorras, entidade socia de Special Olympics Galicia.