OurenseÚltima hora

Asinado o convenio entre a CHMS e o Concello de Ourense para a mellora do saneamento en Velle

As obras consistirán na renovación da rede de colectores existente e a execución da infraestrutura necesaria para a súa incorporación á rede de saneamento xeral ata o seu traslado á EDAR de Reza

Momento das sinatura do convenio.

 

Na mañá deste mércores 9 de febreiro o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Antonio Quiroga, e o tenente de alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea, asinaban o convenio de colaboración para o financiamento, execución e posterior entrega das obras de mellora do saneamento e depuración de augas residuais en Velle.

No acto da rúbrica, José A. Quiroga sinalou que este proxecto, que supón un investimento de máis de 3.000.000 euros, “será sufragado ao 50% entre ambas Administracións, en aras da colaboración institucional que este Organismo de conca brinda aos distintos concellos que presentan deficiencias nos seus sistemas de depuración, que minguan a calidade da auga dos nosos leitos fluviais”.

O proxecto

 

José Antonio Quiroga, presidente da CHMS e Armando Ojea, tenente de alcalde do Concello de Ourense.

 

Tal como explican dende a Confederación, actualmente a rede de saneamento dunha parte da parroquia de Velle non está conectada ao sistema xeral de saneamento de Ourense, dispoñendo de catro fosas sépticas cuxo funcionamento resulta ser moi deficiente e provoca recorrentes verteduras ao río Miño, augas arriba do encoro de Velle, o que podería afectar á toma de auga potable situada na marxe esquerda do río. “Ademais, a situación destas fosas en lugares de complicado acceso dificulta enormemente o seu mantemento e explotación”, engaden dende o organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

As obras consistirán na renovación da rede de colectores existente e a execución da infraestrutura necesaria para a súa incorporación á rede de saneamento xeral da cidade, ata o seu traslado á EDAR de Reza.

O proxecto está redactado e conta con informe ambiental e de patrimonio cultural favorables, e todo preparado para o inicio do procedemento expropiatorio.

Artigos relacionados

Back to top button