O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, puxo en valor a “inclusión da área de estacionamento protexido para vehículos pesados que se construirá no polígono de San Cibrao das Viñas dentro da futura rede galega de aparcadoiros destas características que está impulsando o Goberno galego de forma pioneira en España”. Así o destacaba na mañá deste martes 27 de febreiro durante o acto de sinatura do convenio de colaboración entre o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o presidente da Xunta de Galicia en funcións, Alfonso Rueda; e o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, José Antonio Rodríguez, para poñer en marcha esta infraestrutura, cun investimento total de 500.000 euros, dos que a Administración autonómica achegará 300.000 euros.
Rueda adiantou que “antes de que remate 2024” os transportistas de vehículos pesados que fagan uso deste polígono contarán cun estacionamento protexido “de máxima categoría” e que lles vai garantir “seguridade” e “os requirimentos de comodidades” co obxecto de facer “máis levadeiro un oficio tan duro coma este”.
Pola súa banda, Luis Menor reivindicou o seu “compromiso de impulsar o desenvolvemento das áreas industriais con iniciativas como esta que fan atractivo o asentamento de empresas, ademais doutros factores, cómpre ter en conta os servizos que ofrecen as áreas industriais a todos os sectores e subsectores que realizan a súa actividade nestas áreas”.
A posta en marcha desta área de estacionamento segura e protexida na provincia de Ourense contribuirá a “ofrecer un mellor servizo aos profesionais do transporte de mercadorías, co engadido da perspectiva de xénero a través de servizos especialmente destinados ás mulleres, un aspecto que axudará a rachar coa visión dun sector fortemente masculinizado”, salientou o presidente provincial.
No acto, que tivo lugar na parcela da Central de Transportes do Polígono de San Cibrao das Viñas, estiveron acompañados pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez; a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo; a alcaldesa do Concello de San Cibrao das Viñas e vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Nóvoa; e por representantes de asociacións empresariais da provincia.
Favorecer a incorporación de mulleres a un profesión masculinizada
Neste senso, o titular do Executivo de Galicia en funcións precisou que esta área “contará cun total de 59 prazas que se integrarán na futura rede galega de aparcadoiros seguros para o sector do transporte. En concreto, estará dotada cun total de 1.500 prazas espalladas por todo o territorio”, dixo, incidindo en que o que se procura é “mellorar a seguridade e comodidade dos transportistas nas súas paradas e descanso” e fixo especial mención ao feito de que, ao favorecer esta contorna de seguridade, tamén se procura facer máis atractiva a profesión “para que se incorporen mulleres a esta profesión moi masculinizada”.
Así, por exemplo, a área de estacionamento de San Cibrao das Viñas contará con perímetro valado, cámaras de seguridade, zonas de descanso ou vestiarios. Ademais, está planificada tendo en conta a perspectiva de xénero para garantir tamén a máxima seguridade para as mulleres condutoras.
12 M€ para ampliación do Polígono de San Cibrao das Viñas
O presidente en funcións valorou o carácter estratéxico e “fundamental” desta infraestrutura, tanto para o desenvolvemento industrial da zona como á hora de apoiar un sector como o do transporte, que resulta fundamental -como demostrou na pandemia- e que representa en torno ao 1% do PIB galego.
Por iso, Rueda agradeceu a todos os implicados o seu “compromiso e puxo en valor a importancia da colaboración entre administracións e entre a esfera pública e a privada á hora de poñer en marcha infraestruturas como esta, que redundan no beneficio de todos, xa que argumentou que favorecen o desenvolvemento e crecemento das empresas”.