EconomíaEconomíaÚltima hora

Asínase un protocolo en Galicia “para frear a venda a perdas no vacún de carne”

Publicidade

 

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, presidiu esta mañá o acto de sinatura do inicio dun acordo coordinado pola Xunta “para frear a venda a perdas no vacún de carne”. Así, segundo informa a Administración galega “a cadea de valor deste sector e a indicación xeográfica protexida (IXP) Ternera Gallega subscribiron un protocolo de entendemento que busca garantir o futuro das explotacións dignificando as rendas dos gandeiros, ao tempo que se fai un chamamento ao Estado para que faga o propio a nivel nacional co lácteo. A de hoxe trátase da primeira rolda de sinaturas, que proseguirá nos próximos días coa finalidade de acadar un acordo subscrito pola maior parte do sector”.

Segundo apuntou o conselleiro, a vía histórica para a carne que se abre en Galicia responde ás particularidades da IXP Ternera Gallega que “permite que este protocolo se poida firmar no noso ámbito autonómico, xa que todos os seus canais certificados proceden de explotacións gandeiras localizadas en territorio galego, os animais tamén son sacrificados en instalacións situadas en Galicia e o 60% da súa produción comercialízase en territorio da nosa comunidade. No caso do lácteo, malia que as entregas de leite en Galicia representan arredor do 40% do total nacional, boa parte do proceso de transformación excede o territorio da nosa comunidade e moito dese leite comercialízase fóra de Galicia”, de aí que José González considere “imprescindible a implicación do Estado”.

Na súa intervención, o titular de Medio Rural aseverou que hai que asegurar o cumprimento da Lei da cadea alimentaria, “evitando a destrución de valor en todos os elos da cadea e revertendo a actual situación de venda a perdas xeneralizada que está afogando o sector. Á suba das materias primas, da electricidade ou dos combustibles en 2021 sumáronselle os efectos da invasión rusa de Ucraína e agora os do paro do transporte, polo que cómpre”, recalcaba, “adaptar os prezos de venda da carne de vacún aos custos reais de produción.

 

 

 

O protocolo asinado

Nesa liña, en virtude do protocolo asinado hoxe, José González destacou que as industrias cárnicas adquiren o compromiso de pagarlles aos gandeiros un prezo igual ou superior ao dos seus custos, o mesmo compromiso que acadan as cadeas de distribución de cara ao custo asumido polas industrias.

En concreto, para garantir prezos de venda adaptados aos custos de produción e rendas dignas para os gandeiros, ínstase a incluír nos contratos de compra aos produtores unha cláusula na que se faga referencia a este protocolo, que estará vixente deica o 31 de decembro. Nesa dirección, as partes comprométense a ter en conta e aplicar nas súas relacións comerciais as conclusións dos estudos e informes sobre custos elaborados polas autoridades de execución autonómicas previstas na Lei da Cadea Alimentaria, sen prexuízo da súa autonomía e liberdade na fixación de prezos nos contratos, sempre cumprindo a normativa existente. Neste senso, a Xunta de Galicia porá en marcha o Observatorio da cadea alimentaria galega como instrumento público encargado da emisión dos devanditos estudos e informes.

O conselleiro engadiu que “este acordo histórico” -que agora será remitido polas partes á Comisión Galega da Competencia para que emita informe facultativo como paso previo ao seu despregamento- tamén busca darlle un pulo á promoción para garantir a diferenciación no mercado dos produtos de Ternera Gallega. Nese contexto da promoción, precisamente, José González anunciou a posta en marcha dunha campaña de divulgación a nivel nacional da Ternera Gallega Suprema, na que a Xunta e a IXP investirán en conxunto 1,4 millóns de euros.

Importancia do sector

O titular de Medio Rural puxo de relevo a importancia do sector de vacún de carne en Galicia, cunha produción de 95.600 toneladas ao ano e unha facturación de 414 millóns de euros no 2021, que representa preto do 15% da produción total de España. Canto á indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, certificou 104.638 canais en 2021, o que supuxo un total de 23.695 toneladas de carne, cun valor económico de 137 millóns de euros. Este selo agrupa un total de 8.488 explotacións e 99 industrias cárnicas.

A estas cifras económicas hai que engadir o impacto das 19.537 explotacións cárnicas e das industrias e empresas da distribución asociadas para a dinamización e cohesión do rural, contribuíndo a fixar poboación.

Artigos relacionados

Back to top button