EconomíaEconomíaÚltima hora

A Asociación Valdeorresa de Apicultores organiza un curso de multiplicación de colmeas e formación de núcleos

Comeza mañá 28 de abril e inclúe varias sesións teóricas e prácticas nos meses de maio e xuño
Asemblea xeral da Asociación Valdeorresa de Apicultores celebrada en marzo en Vilamartín. /Foto: Carlos G. Hervella.

Mañá, venres 28 de abril, comeza o curso de formación de núcleos, cría de raíñas e multiplicación de colmeas organizado pola Asociación Valdeorresa de Apiculores, que se celebrará en varias sesións nos meses de abril, maio e xuño.

A sesión inicial comezará ás 10h. e xirará en torno á preparación dunha colmea para que acepte as cúpulas (introdución de cadro de aceptación e orfandade dunha colmea). Ao día seguinte sábado 29 de abril, de 9:30 a 11h. haberá unha formación teórica en Vilamartín de Valdeorras e a continuación acudirase a un apiario para realización do traslarve (método Doolittle).

Xa no mes de maio, o día 8 á 10 horas haberá unha clase de formación de núcleos; e o día 10 tamén ás 10, unha sesión de introdución de realeiras. A última sesión formativa será o sábado día 3 de xuño ás 9,30 horas, para comprobar os resultados e marcaxe das raíñas.

Tal como explican dende a organización, á formación teórica en Vilamartín poden asistir todos os socios, pero ás prácticas é necesario apuntarse. “Partiremos da estación de autobuses da Rúa a un colmear no pobo de Enciñeira”, puntualiza o presidente Armando Rodríguez pedindo que “quen se apunte asista a todas as prácticas”.

Farase un grupo de 16 persoas por riguroso orde de anotación aínda que no caso de que houbese moita xente faríase un segundo grupo.

 

Artigos relacionados

Back to top button